A Xunta de Galicia publicou a convocatoria para 2025 e 2026 dunhas novas subvencións de axudas para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical cunha dotación de 150.000 euros (75.000€ por anualidade).
A axuda favorecerá a un mínimo de 10 proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, presentados por empresas de management ou edición fonográfica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, valoraranse as traxectorias da empresa e da formación musical para a cal se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.
Subvencionarase ata o 75 % do orzamento subvencionable por gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de maio de 2026 que teñan que ver coa creación, consolidación ou impulso da imaxe de marca do artista ou banda, os estudos de mercado e as estratexias de posicionamento, a concepción, o lanzamento e a presentación dun novo produto musical, os labores de promoción, ou a gravación e distribución de traballos discográficos.
Non poderán acceder a estas axudas os proxectos artísticos beneficiados das axudas ao talento de 2022.
Anuncio / Resolución / Extracto