imaxe da nova
Nova Galega

Finalistas XII Premios Martín Códax da Música 2025

imaxe do usuario Xestor Xestor
10 maio 2025

As portas das Bodegas Martín Códax, en Cambados, abríronse este mércores 7 de maio para celebrar a festa de finalistas dos 12º Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo.  As corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, empezaron a ser nomeadas a partir das seis e media da tarde. Tras a votación do xurado profesional, son os proxectos que pasan á segunda fase da edición.  Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas emerxentes, na categoría de mesmo nome na que este ano son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. Cincuenta e sete proxectos recolleron o seu agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento pola súa inclusión na fase final de votación. A partir do 8 e ata o 25 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como xa aconteceu o pasado ano, o público xeral; o 28 de maio, a gala, no Pazo da Cultura de Pontevedra, da que iremos coñecendo detalles nos vindeiros días.

Xoán Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax, e Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vigo, actuaron de mestres de cerimonia nos encontro de finalistas, ao que tamén asistiron representantes das institucións colaboradoras dos premios. Os primeiros finalistas en coñecerse foron os da categoría Blues, Funk e Soul con aplausos para Victor Aneiros, Helena Egea e Allo Negro, que se repetiron por segunda vez nesa tarde con Alana, Coanhadeira, De Ninghures, na categoría folk. En Músicas do Mundo e Mestizaxe os finalistas son Crúas, dúo formado por Alba Ermida, cantante e clarinetista, e a pianista Iria San Marcial, o espírito festivo de Fanfarria Taquikardia e os sons africanos de TanDub; na categoría de Canción de Autor/a resultaron finalistas artistas de diferentes xeracións: Migui Bouzó, novisimo talento desde Vigo, a cantante de Cee Rocío Caamaño, e A Pedreira, a viaxe musical dunha das grandes voces galegas, Ugia Pedreira.

Na categoría de Músicas Urbanas, na que se congrega moito talento e mocedade, resultaron finalistas Amoebo e os seus ritmos pop e latinos, o rapeiro Hugo Guezeta e a rapeira Nadie González. O ámbito das Orquestras, Grupos e Música de Verbena quedou representado nos finalistas A Banda da Balbina, Los Satélites e Son das Tabernas, e en Metal e Heavy o recoñecemento foi para Acouga, Brutal e Sicixia. A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal e Banda de Música Municipal da Estrada foron as finalistas na categoría de Bandas de Música Popular. En Música Tradicional dúas cantantes finalistas conectadas coa tradición oral no presente: Carmela e Faia, e unha formación, Unto Vello, mocedade centrada na recuperación dos cantares tradicionais. Brais das Hortas, Golfiño e Pakolas son finalistas 2025 en Música Infantil e a pianista e investigadora María Domínguez, o compositor e docente Juan Eiras, e a pianista e compositora María Mendoza, en Música Clásica e Contemporánea.

As últimas categorías das que foron revelados os proxectos finalistas na tarde do mércores 7 son algunhas das que máis candidaturas reciben en cada edición dos Premios Martín Códax da Música. En Electrónica son finalistas Lontreira, Rumi e Russ; en Jazz e Músicas Improvisadas, Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto e  Orquestra Galega de Liberación; en Rock e Punk, Os John Deeres, Loita Amad e, Mad Martin Trio, e por último, en Pop e Indie, Måi, o proxecto liderado por Iseo Agilda, a cantante Sabela e o grupo ferrolán Zavala.

 

Pop, rock e tradicional en Artista Emerxente

Os tres finalistas na categoría Artista Emerxente, instaurada en 2022, son Ash Diz, Ulex e Paracetafolk, proxectos representativos da diversidade da música do país. Integrante do colectivo Resaca emocional co cantante Berto entre outros, Ash Diz fai ao público unha proposta de pop e textos da vida cotiá; a banda Ulex, desde Santiago de Compostela, descubre os valores imperecedeiros do rock para as novas xeracións e, tamén emerxente, o grupo Paracetafolk, formado na Costa da Morte o pasado ano cun repertorio baseado na música tradicional.

Os proxectos finalistas nos Organistrum dedicados aos medios e canles de comunicación encádranse no mundo da radio e do audiovisual. Cuac fm, a radio comunitaria da Coruña que emite desde 1996,  Recollendo Músicas, formato estreado o pasado ano en Agalega na procura da pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais e dirixido por Saul Rivas e Borja Casal, e Dando a lata, novo espazo youtubeiro promovido polo xornalista e divulgador Rodri Míguez

Os tres festivais finalistas nos Organistrum da 12ª edición dos Martín Códax son Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela), e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela)No caso das salas, as tres finalistas son das máis activas na promoción da música ao vivo con especial atención á música galega: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), a Sala Rebullón (Mos) e Riquela Club (Santiago de Compostela).

 

Comeza a segunda fase de votacións

Do 31 de marzo ao 25 de abril o xurado profesional dos Premios encargouse de seleccionar os proxectos finalistas entre as candidaturas presentadas. O xurado 2025 estivo formado pola cantante Uxía, o técnico Xurxo Piñeiro, o xornalista Noel Feáns, o músico Óscar Rilo, de Dark Embrace, e a directora técnica de la Real Filharmonía de Galicia, Sabela García. Unha vez a selección de finalistas é publica, arranca o voto das socias e socios de Músicas ao Vigo e do público xeral, do 8 ao 25 de maio. O público poderá votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo. En 2024, cando por primeira vez se habilitou o voto para público xeral, foron case 4.000 persoas as que participaron.

 

OS PROXECTOS FINALISTAS 12º PREMIOS MARTÍN CODAX DA MÚSICA 

Blues, Funk e Soul: Victor Aneiros, Helena Egea, Allo Negro

Folk: Alana, Coanhadeira, De Ninghures

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Crúas, Fanfarria Taquikardia, TanDub

Canción de Autor/a: Migui Bouzó, Rocío Caamaño, A Pedreira

Músicas Urbanas: Amoebo, Hugo Guezeta, Nadie González

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: A banda da Balbina, Los Satélites, Son das Tabernas

Metal e Heavy: Acouga, Brutal, Sicixia

Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal, Banda de Música Municipal da Estrada

Música Tradicional: Carmela, Faia, Unto vello

Música Infantil: Brais das Hortas, Golfiño, Pakolas

Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez, Juan Eiras, María Mendoza

Electrónica: Lontreira, Rumia, Russ

Jazz e Músicas Improvisadas: Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto, Orquestra Galega de Liberación

Rock e Punk: Os John Deeres, Loita Amada, Mad Martin Trio

Pop e Indie: Måi, Sabela, Zavala

Finalistas Organistrum:

Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac fm, Recollendo Músicas e A canle de Rodri Míguez

Festivais: Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro, Festival Alternativo Millo Verde

Salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria, Sala Rebullón,  Riquela Club

 

Finalistas Artista Emerxente: Ash Diz, Paracetafolk, Ulex

 

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e Deputación de Pontevedra. Medio de comunicación colaborador: CRTVG

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información