
Ata o 4 de marzo permanecerá aberto o prazo de inscrición de espectáculos e/ou concertos para o programa Cultura no Camiño 2025 (CnC), unha programación cultural destinada aos concellos de Galicia polos que discorren os distintos Camiños de Santiago, que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2025.
Poderán inscribirse espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia (empresas galegas). Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais e restantes entidades sen fins de lucro.
As subvencións serán en réxime de concorrencia non competitiva e as cantidades máximas a percibir polos concellos participantes:
- 3.500 € para concellos de máis de 20.000 habitantes (40% do caché subvencionado)
- 2.500 € para concellos de menos de 20.000 habitantes (50% do caché subvencionado)
Isto supón o mantemento dos importes de axuda consignados en 2023 e 2024 (250.000 €).
As programacións dos concellos incluídas nesta convocatoria deberán conter como mínimo dúas actuacións e deberán ter presentes dúas das cinco disciplinas ofertadas.