imaxe da nova
Nova Galega

Premiados nos XII Premios Martín Códax da Música

imaxe do usuario Xestor Xestor
30 maio 2025

Vinte melómanas e melómanos deseñados polo artista Victor Lorenzo xa teñen fogar tras a entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música na noite do mércores 28 de maio en Pontevedra. Unha gala de entusiasmo, como o que manifestaron os novísimos membros de Paracetafolk, co premio Artista Emerxente, e de emocións, como as que se viviron coa entrega do Honorífico a Leilía. Tamén para apelar á unión da comunidade musical, reivindicar o talento galego e defender o acceso á cultura de toda a cidadanía, como fixo a directiva de Músicas ao Vivo no seu discurso. Predominio de mulleres artistas premiadas nesta 12ª edición en diferentes categorías: A Pedreira, Faia, Sabela, Helena Egea, Rumia, Nadie González e María Domínguez, subiron ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra. Na gala, presentada por Lupe Blanco e Xisco Feijóo, coa música ao vivo do grupo Ailá e que homenaxeou á oralidade e á música tradicional, acompañaron á directiva de Músicas ao Vivo representantes das entidades e institucións que apoian os Martín Códax da Música.

Xoán Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, arroupou á directiva de Músicas ao Vivo subliñando a aposta da empresa vinícola pola cultura e moi especialmente polos premios da música galega. O Concello de Pontevedra, anfitrión da gala, estivo representado por Eva Villaverde, alcaldesa accidental, e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; da Xunta de Galicia participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultural, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza, e Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Tamén asistiu en nome da Deputación de Pontevedra, o seu vicepresidente Rafael Domínguez.

De catro en catro foron entregados os Premios Martín Códax na noite do mércores 28 de maio; a primeira categoría en ser revelada foi a de Metal coa banda Brutal, nacida das cinzas do grupo pontevedrés Brutal Distracion, e que presentaba o ano pasado o seu disco "22820". A Pedreira, o proxecto de Ugia Pedreira, foi o seguinte premio, na categoría de Canción de Autora; sen dúbida unha das voces galegas máis recoñecidas e queridas deste século. Helena Egea foi a premiada na categoría de Blues, Funk e Soul; a cantante e violinista ven de presentar o seu primeiro EP “Flares of Life”. O primeiro bloque de galardóns da noite pechouse con Electrónica e co premio para Rumia, artista formada en boa parte na escena musical berlinesa.

O segundo bloque de premios recoñeceu o traballo de Os John Deeres na categoría Rock e Punk; con case dúas décadas de andaina o grupo ven de editar o disco O círculo das formigas. A rapeira viguesa Nadie González resultou premiada en Músicas Urbanas coa súa proposta inspirada na poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik e Alfonsina Storni. No apartado de Orquestras e Música de Verbena foi A Banda da Balbina a que subiu ao escenario do Pazo da Cultura pola súa proposta festeira, que xa lles valera un premio no ano 2016. A pianista e investigadora María Domínguez recibiu o recoñecemento nesta edición 2025 dos premios na categoría de Música Clásica e Contemporánea.

Un dos proxectos musicais máis celebrados no último lustro en Galicia, a Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo e da que forman parte 20 intérpretes, recibiu o premio na categoría de Jazz e Músicas improvisadas. Foi Sabela quen subiu ao escenario para recoller o premio en Pop e Indie; a que fora finalista do televisivo OT está a preparar saída de disco neste 2025 do que xa lanzou dous temas de adianto. As melodías dos balkáns, klezmer e os seus sons festeiros levaron a Fanfarria Taquikardia a recoller o galardón en Músicas do Mundo e Mestizaxe.

De Ninghures, coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí, recolleu premio en Folk. A cantante Faia, que acaba de lanzar o seu segundo disco Alvela, no que conta con colaboración de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas e Suelen Estar Cuartet, recibiu o galardón na categoría Música Tradicional. E a Caldas de Reis trasladouse o premio ás Bandas de Música Popular co recoñecemento á Banda de Música Municipal de Caldas, cunha temporada redonda tras ganar o pasado ano o 136º Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

Paracetafolk, Artista Emerxente 2025

A entrega do melómano na categoría de Artista Emerxente era unha das máis agardadas da noite en Pontevedra. No Pazo da Cultura, os tres finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex, nunha categoría que nacía en 2022 para apoiar carreiras artísticas e visibilizar novos talentos musicais. Finalmente os aplausos da gala foron para Paracetafolk, grupo que debutou o pasado ano cunha proposta musical, desde a Costa da Morte, baseada en arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock.

Tras a entrega dos galardóns nas categorías musicais chegaron os Premios Organistrum, aqueles que recoñecen en cada edición aos cómplices necesarios da música ao vivo: salas, festivais e proxectos de comunicación. A Sala Rebullón, en Mos, foi recoñecida na primera categoría, as Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, na segunda, e CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña desde 1996, recibiu o galardón como medio de comunicación.

Leilía, emoción no Honorífico

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez, as voces e pandeiretas de Leilía, foron as protagonistas da recta final da gala. Aplauso longo e cálido para o Premio Honorífico 2025, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs a finais dos anos oitenta. Á súa nómina de galardóns e recoñecementos -en 2024, ano da despedida, recibiron a Medalla Castelao polo seu papel clave na recuperación da música tradicional- tiña que sumarse o Honorífico dos Martín Códax, tal como se apuntaba desde a directiva de Músicas ao Vivo.

O presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, foi o encargado de entregárllelo xunto á directiva de Músicas ao Vivo representada por Sheila Patricia, presidente, Patty Castro, Silvia Penide e Tomás Díez. Antes de pechar a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra, o discurso de Músicas ao Vivo levantou aplausos ao apuntar que os artistas non poden quedar á marxe de situacións que afectan á cidadanía como o proxecto de Altri e, no ámbito global, o xenocidio israelí. Xa en referencia ao sector musical, Músicas ao Vivo reclamou fortalecer a contratación de proxectos galegos na programación cultural do país. “É preciso poñer aos músicos e músicas no centro porque somos os que facemos a música. E non descoidar ao público e a obriga de facilitar o acceso á cultura a todos os cidadáns, con independencia de onde vivan ou dos recursos dos que dispoñan”, sinalaron. Perto de cinco mil persoas votaron nesta décimo segunda edición dos premios á que se presentaron 512 proxectos musicais.


RELACIÓN DE PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2025

Metal e heavy: Brutal

Canción Autor/a: A Pedreira

Blues, Funk e Soul: Helena Egea

Electrónica: Rumia

Rock e punk: Os John Deeres

Músicas urbanas: Nadie González

Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena: A Banda da Balbina

Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez

Jazz e Músicas Improvisadas: Orquestra Galega de Liberación

Pop e Indie: Sabela

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Fanfarria Taquikardia

Música Infantil: Brais das Hortas

Folk: De Ninghures

Música Tradicional: Faia

Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis

Artista Emerxente: Paracetafolk

Organistrum:

Salas: Sala Rebullón

Festivais: Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela)

Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac FM

Premio Honorífico 2025: Leilía

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información