
Músicas ao Vivo e Músicos ao Vivo S. Coop. Galega xa temos o sistema de facturación de ambas entidades adaptado ao novo sistema Verifactu de próxima implantación obrigatoria.
Verifactu é un sistema impulsado pola Axencia Tributaria que ten o obxectivo de loitar contra a fraude fiscal e impulsar a dixitalización e automatización dos procesos de fiscalidade empresarial. Afecta directamente a empresarios que utilicen aplicacións informáticas para o cumprimento da obrigación de facturación xa que deberán xerar un rexistro de facturación de alta de forma simultánea ou inmediatamente anterior á expedición da factura. Este sistema asegura a integridade, conservación e rastrexabilidade de cada factura, reducindo o risco de fraude e mellorando o control fiscal en tempo real. A súa implementación forma parte da normativa técnica recollida na Lei Antifraude.
Os aplicativos informáticos deberán cumprir:
- Xerar un rexistro de facturación para cada nova factura emitida, así como en caso de anulación ou rectificación.
- Garantir a integridade, conservación, accesibilidade, lexibilidade e inalterabilidade dos rexistros de facturación.
- Permitir enviar de forma automática cada rexistro de facturación a Facenda.
- Rexistrar determinados eventos para permitir a rastrexabilidade da actividade no programa de facturación a través do software Verifactu. Este rexistro de eventos non poderá ser alterado e deberá conservarse ata que prescriban as obrigacións tributarias.
Cando entra en vigor Verifactu
As datas de implantación serán o 1 de xaneiro de 2026 para os contribuíntes do Imposto sobre Sociedades, e o 1 de xullo de 2026 para o resto de empresas e autónomos.
Vantaxes do sistema Verifactu
- Trátase dun selo de confianza. Se un cliente recibe un factura Verifactu terá a certeza de que a empresa ou profesional que a emite atópase ao día nas súas obrigacións con Facenda e traballa de forma transparente.
- Facilitará o labor contable. Dado que toda a facturación poderá chegar de forma automática a Facenda, nun futuro será posible que parte ou a totalidade dos modelos tributarios poidan presentarse de forma máis sinxela, dado que toda a información das facturas emitidas da empresa xa constará nos rexistros da Axencia Tributaria.
- Promove unha economía máis transparente. A loita contra a fraude vólvese moito máis sinxela.
- Profundiza na dixitalización e unifica procesos.
Como se identifican as facturas Verifactu?
- Código QR. As facturas Verifactu deberán incorporar necesariamente un código QR que conterá unha serie de datos identificativos.
- Referencia ao sistema Verifactu. As facturas tamén deberán indicar expresamente que foron xeradas mediante un sistema de emisión de facturas verificables, mediante a expresión "Veri*Factu".
- Envío de información a Facenda. A factura Verifactu permitirá o seu envío á Axencia Tributaria a través dun dispositivo de lectura para código QR.
- Rexistro de eventos. Ademais de todo iso, deberá existir como apoio un rexistro de cada factura e evento.
A implantación deste sistema xusto nesta tempada de verán foi un reto, máis traballo e supuxo tamén un cambio no procedemento de facturación; pero xa estamos preparados con anticipación para que o vindeiro ano non haxa ningún tipo de problema na operativa de ambas entidades.