imaxe da nova
Nova Galega

Presentación do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia

imaxe do usuario Xestor Xestor
21 xuño 2026

O pasado 18 de xuño tivo lugar a presentación do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia 2030, na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

O proceso de creación do Plan extendeuse preto de dous anos nun proceso participativo con intensas e frecuentes reunións entre as principais asociacións do sector convocadas por AGEM: Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal), Músicas ao Vivo (MAV), Asociación Profesional de Salas Privadas de Galicia – Clubtura e Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC).

O Plan marca 10 accións prioritarias para a súa execución, entre as que se atopan medidas en proceso e outras xa cumpridas.

A primeira das medidas xa en proceso é a creación e consolidación dunha feira da música galega que se constitúa como un espazo de mercado e internacionalización entre artistas, empresas, responsables de programacións, administracións, salas, festivais, medios de comunicación e entidades culturais. Tamén se contempla o desenvolvemento dunha marca global capaz de representar a diversidade, calidade e identidade contemporánea da música galega e que funcione tamén como ferramenta de cohesión sectorial e proxección exterior, facilitando a presenza en campañas institucionais, feiras especializadas e plataformas dixitais.

O desenvolvemento dun programa específico de apoio á innovación e á creación musical galega é outra das accións previstas, co obxectivo de continuar a impulsar as carreiras profesionais. En conexión coa anterior figura levar a cabo itinerarios formativos específicos para artistas e profesionais da industria musical con contidos relacionados coa planificación estratéxica, contratación, dereitos de autoría, captación de públicos, comunicación dixital ou xestión económica, entre outros.

Tamén se iniciaron xa os traballos de coordinación para avanzar cara a un sistema de certificación profesional para facilitar os procesos de acreditación e reforzar a conexión entre formación, experiencia e empregabilidade. Do mesmo xeito, estanse a revisar os procedementos de subvencións de todas as administracións públicas para favorecer unha planificación plurianual, simplificar trámites e facilitar a participación de proxectos emerxentes.

Entre os seus valores, o Plan Estratéxico da Industria Musical 2030 incorpora a priorización de proxectos con impacto positivo en igualdade de xénero, contratación local, sustentabilidade ambiental, equilibrio territorial e diversidade musical. Sinala, por último, a necesidade de poñer en marcha un sistema de mapeo e catalogación das infraestruturas culturais de Galicia, incluíndo auditorios, salas, espazos alternativos e outros equipamentos nun rexistro oficial.

O documento completo do Plan Estratéxico da Industria Musical 2030 está dispoñible para a súa consulta:
PLAN ESTRATÉXICO

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información