Estes últimos días chegou o anuncio de que o Concello de Vigo paralizaba de forma inmediata os concertos en todos os chiringuitos de praia da cidade.
A decisión, supón un duro golpe para a economía dos propios músicos da cidade, hostelería, empresarios, provedores e público.
Isto volve a poñer enriba da mesa a problemática e as eivas de moitas das nosas cidades e vilas para coa cultura local. Favorecer e fomentar a cultura e a música de proximidade é unha responsabilidade pública das nosas administracións. No caso concreto de Vigo, a música en directo é unha das señas de identidade da cidade pero nos últimos anos asistimos a un paulatino emperoamento da cultura musical de base: peche de espazos, persecución policial de concertos, peche de locais de ensaio, falta de oportunidades para que os grupos locais actúen nos escenarios máis importantes da cidade…mentres se fomentan grandes macroeventos con grandes despregamentos de luz, ruído, cortes de rúas…
Neste caso, como en moitos outros, falamos de concertos pequenos ou medianos, con horarios razoables, xerando ambiente e traballo; así como facilitando o acceso á cultura á cidadanía.
Parece que a normativa das concesións dos chiringuitos prohibe expresamente este tipo de eventos pero víñanse celebrando concertos estes últimos anos sen problema algún. Pero a prohibición total non pode ser alternativa. Máis aínda unha vez xa comenzada a tempada de verán, coas concesións adxudicadas e o calendario de concertos pechado.
É necesaria a implementación dunha normativa clara e coherente que permita a volta dos concertos aos estes e outros espazos de Vigo e de todas as cidades. Esta normativa debería contemplar horarios razoables, limitacións de decibeis, condicións de contratación dos músicos e outras medidas que garantan a convivencia entre a música e o descanso dos veciños, sen prexudicar a esencia cultural que caracteriza á cidade. É importante resaltar tamén a dificultade para a obtención de novas licencias para poder facer concertos nas vilas galegas, o que acrecenta a problemática.
Debería establecerse un diálogo e atopar unha solución que permita seguir desfrutando da música en directo de propostas locais nestes e noutros espazos, porque a cultura é de tod@s e para tod@s.
*Activouse tamén estes días unha campaña de recollida de firmas en Change.org para que volvan os concertos nos chiringuitos de Vigo.