-¿Como empezaches na música?
Empecei aos 10 no conservatorio e despois de tres anos de estudos dinme conta de que ese camiño non era o meu, así que deixei a música e a guitarra ata os 19 anos nos que a retomei. Posteriormente lanceime a facer un concerto enteiro aos 23 anos, todo de MPB ou Musica Popular Brasileira, que e co que me sentía mais identificado naquela época.
A partir de aí comecei a compoñer e, aos poucos, fun introducindo temas meus nos concertos.
-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.
Eu penso que despois de facer moitos concertos tocando versións, tiña moita vontade de facer un disco propio, parecíame importante sacar á luz o material que fora compoñendo aos poucos e tamén sabía que quería traballar dun xeito autodidacta. Despois de parir o meu propio traballo co primeiro disco "Nai" e o segundo "Magnetico Zen", xa cubrín unha necesidade de facer o meu e nesta última etapa da miña carreira, comecei a compartir e facer cancións con outros autores músicos e/ou tamén colaborar en outros proxectos diferentes. Nestes intres estou cun proxecto común con outros cantautores da península e tamén estou presentando o meu novo espectáculo Novas, que penso que será o xermolo dun novo Cd.
-Acabas de recibir o premio o mellor álbum en lingua galega “V Premios de la Música Independiente” polo teu traballo Magnetico zen. Falanos de este disco, e da experiencia dos premios.
Magnético Zen e un disco moi laborioso. Nel hai uns 20 músicos que aparecen e tamén hai moitas horas de traballo investidas. Foi ideado a partir do 2010 e aparecen temáticas moi actuais como a da crise que estamos a vivir.
Hai cancións miñas e tamén comparto autoría dalgunha canción e músicas cos meus compañeiros Sergio Tannus, Xabier Olite e Álvaro Trillo (O quinto compoñente da banda base desde disco e Carlos Freire).
Penso que aínda habendo unha dramaturxia ou unha liña central no disco, tamén hai diversidade encanto ao estilo musical e á temática das letras e que cada canción respira por si mesma, que é algo que eu aprecio moito nos discos que escoito.
A entrega de premios a vivín con algúns nervios, porque é o primeiro premio estatal ao que estou nomeado e sempre impón un teatro como o Novo Alcalá cheo. Leo Bassi foi o condutor da gala e loxicamente tivo moita chispa e vitalidade (cousa bastante necesaria porque foron moitos nomeamentos e podíase ter feito moi aburrido).
- ¿Cales son as túas influencias musicais?
Escoito de todo porque de todo se aprenden cousas. Mais tento aprender sobre todo de cancións que foron feitas dende a calidade, dende a xenialidade, dende unha proposta arriscada conceptual ou dende o corazón. O que menos habitúo escoitar é a música comercial, porque penso que nos limita no criterio porque o seu criterio responde a unha homoxeneidade e a unha cultura uniforme. A min, sobre todo, atráeme a diversidade e o que me sorprenda e me emocione... e se encima hai calidade e contido ou interese no que se conta, entón fágome un fiel fan dese artista.
-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
Vexo moita calidade artística, moitas e moitos artistas e compañeir@s a quen admiro facendo cousas realmente interesantes cun alto grado de profesionalidade; pero tamén vexo as dificultades e que hai que traballar de xeito artesanal e aos poucos, debido aos reducidos medios e apoios. Crear con calidade no eido musical custa cartos e tempo e por iso ás veces incluso hai que quedarse curtos ou a medias nas propostas..
Existe un público comprometido que gusta do que facemos e que compra os nosos cd´s cando os podería piratear perfectamente e iso soa a apoio e é de agradecer; no entanto, non sinto un apoio xeral e contundente das institucións en canto á creación e á difusión da nosa música e vexo unha industria cultural galega que coa crise e a subida do IVE, cada vez se precariza máis.
-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Moi ben e moi necesario. A unión fai a forza e tamén fai que un se sinta menos só. Oxalá que no futuro esta asociación vaia a máis e se camiñe para profesionalizar o sector.
-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?
Eu penso que hai que destinar recursos para a creación, para a difusión e a visibilización dos proxectos orixinais e novos, para que a xente nova poida soñar, para que as ideas frescas poidan coexistir co que xa hai, que ao mellor ten moita calidade, mais que seguro mellorará se convive co novo.
Estaría moi ben que se puidera rexenerar e renovar constantemente o noso panorama musical, sería un sinal de que algo se move, de que a cultura está viva e aprende dos seus erros. Sei que moitas veces non se aposta por algo novidoso porque non é seguro, pero ao mesmo tempo, penso que indo só ao seguro, a arte morre e ademais nos podemos perder moitas sorpresas do que podería ser o futuro da música.
-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?
A ver, por experiencia persoal, voume acordar e falar das miñas e os meus compañeiros cantautores, algúns amig@s e outr@s a quen non coñezo de primeira man pero que tamén traballan moito coa súa particular visión e proposta artística pola música de autor en galego.
Penso que o temos difícil na nosa terra. Non hai un espazo sólido para nós aínda: non existen circuítos específicos para os cantautores e cantautoras galegas, non temos unha especial cobertura mediática e penso que pode ser tamén unha razón para que non haxa tampouco un gusto masivo do público por escoitar aos artistas que fan as súas propias cancións e procuran con moito traballo a súa propia personalidade e estilo.
Non obstante, latexa un enorme potencial e temos moi boas cancións feitas con moito corazón. Tamén se respira un certo gusto do público polo que facemos, mais como digo, ao non ter moita difusión nin medios, non podemos competir por exemplo con cadeas nacionais ou internacionais, cos grupos e hits dos 40 principais ou da MTV..
Eu vexo moito traballo, ganas e calidade nos meus compañeiros e nas miñas compañeiras e os admiro por seguir loitando nun medio non facilitador..
Entón, máis que unha queixa, eu lanzaría unha pregunta ao ar: Se a cousa non funciona como nos gustaría: que é o que está a fallar aquí?... nós os artistas?, o público?, a industria?, os festivais?, o apoio institucional?... o deixo aquí para que cada un tire as súas propias conclusións. É unha reflexión que nos temos que facer todos e todas...
Persoalmente, eu si apuntaría a un problema de base que é que dende logo, sen apoio institucional é moi difícil reverter a situación. Porque o privado xa habitúa a pensar cun criterio puramente capitalista e o bo que ten o institucional ou o público é que pódese permitir non pensar así... O problema é que neste contexto de crise, eu vexo que o institucional tamén está pensando capitalista, pensa no aforro e no diñeiro rápido e iso mata o puramente artístico, a diversidade e a creatividade das propostas ou mesmo as deprecia.
Hoxe en día xa hai moitos produtos de consumo fácil e rápido, mais tamén hai outras propostas mais ambiciosas artisticamente, que precisan dun tempo de cocción e loxicamente non van encher os auditorios nin as prazas xa mesmo ou non van a ter un resultado visible á primeira.
A min paréceme que o esforzo institucional na cultura si pode en certa medida estar encamiñado a darlle á xente o que xa coñece e lle gusta, pero tamén debería facer un esforzo e procurar seducir ao público para que probe outros pratos mais alá do que lle ofrecen sempre ou que está acostumado a degustar, porque penso que a xente levaría gratas sorpresas..
Vou poñer un exemplo: en Galicia hoxe en día non é nada fácil ver danza contemporánea, sabemos que non é un arte de consumo masivo, mais fai anos podíamos ver en Compostela, ao chegar o verán, o festival "En Pe de Pedra"; un festival gratuíto que saía ás rúas e aos espazos públicos, ao cal asistíamos os que somos moi afeccionados á danza contemporánea e tamén os turistas e os paisanos e paisanas que pasaban por alí e podían catar iso novo que nunca viran..
Era ben bonito ver aos bailaríns e bailarinas encher as rúas, as prazas, os xardíns, as fontes, as escaleiras... Era como encher de vida a cidade. Eu boto moito en falta este festival, e non estou familiarizado coas cifras do mesmo, mais penso que sen un apoio institucional, ese festival é moi difícil que teña lugar e ata posiblemente sería deficitario polo seu carácter gratuíto.
Pero eu sinto que tiña un servizo á comunidade moi importante, levaba a beleza da humanidade ata as rúas, facía sentir ben, facía pensar, facía compartir, rir ou chorar, era un regalo para os sentidos e era gratuíto...; un beneficio per se, dificilmente medible nun balance de contas. Sei que soa a utopía, pero penso firmemente que este é o camiño que ten que seguir a cultura porque saír do coñecido é a esencia do crecemento humano.