imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista Najla Shami, Socia número 180.

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 xullo 2013

-¿Cómo empezaches na música?

Supoño que a música é algo que me ten acompañado dende o momento de nacer. Tendo en conta que o canto é inherente á miña familia e que a única cousa que acalmaba o meu pranto no berce era a radio. Aínda así, despois de ter estudado música dende os 8 anos e facer parte de diferentes grupos polifónicos, o meu achegamento á guitarra marcou o meu camiño profesional alá polo ano 93. Así chegaron as miñas primeiras composicións a serio, a primeira banda e os primeiros concertos aquí en Compostela no ano 97.

-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metida agora mesmo.

A influencia da bagaxe ten o seu lado positivo e negativo. Desprenderse do que até agora imprime a túa identidade non sempre é sinxelo, mais terriblemente necesario, polo menos no meu caso. Reciclarse, tirar o construído e recomezar é unha parte importante do proceso creativo, o momento vital no que me atopo somerxida. Unha etapa de tránsito e pescuda. Resultado deste camiño que aínda está na metade do seu percorrido, será a miña próxima publicación que agardo saia en xullo. Un traballo temático que afronto coma unha porta a algures, un lugar novo máis persoal que está por chegar.

-¿Cales son as túas influencias musicais?

Foron e son diversas, mais ultimamente todas teñen un nexo en común: o son da terra onde veñen nacendo. Unha reflexión que me ten acompañado nas miñas últimas escoitas e experiencias. Sinto que a música, como a grande maioría das cousas na actualidade está a perder a terra, a raíz, o son da idiosincrasia do lugar onde foron agromando. Esta sensación está a provocar en min un maior achegamento ás músicas indíxenas en resistencia das distintas partes do planeta.

-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Temos, por unha banda, unha comunidade prolífica cunha grande calidade creativa e por outra, unha contorna profesional e educativa nunha situación asfixiante e un público pouco concienciado que, na súa maioría, deixa que a “industria” lle diga qué escoitar.

Unha situación difícil de afrontar na que desenvolver exclusivamente este oficio faise unha loita diaria, un exercicio de subsistencia.

-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Necesario e fundamental. Nunha comunidade como a nosa, tan heteroxénea e con tantas particularidades, este colectivo é un instrumento de interacción magnífico para coñecer, solucionar problemas, escoitármonos e ser escoitados.

-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A música non é unha industria e neste punto, ao ser tratada como tal, atopámonos cun problema que tería que ser resolto dende a base. A cultura é unha condición do ser humano, un xeito de expresión co que conformar a súa identidade e a da comunidade á que pertence. As administracións non atenden á realidade cultural da súa contorna e basean as súas decisións en criterios que nada teñen que ver coa historia e necesidades culturais do medio ao que pertencen. O lucro persoal e os intereses económicos pouco poden axudar na preservación das particularidades dun pobo. Esta problemática ten sido amplamente analizada (podería citar a Adorno, Bretch e outros tantos) mais aínda temos pendente una solución que ao meu parecer pasa por un cambio substancial da consciencia individual.

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Como individuo e para outros individuos acho que precisamos consciencia que posibilite a escolla de opcións libres para crear unha historia significativa e conferir dignidade á nosa vida.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información