En anteriores boletíns anunciabamos o compromiso de que este ano supuxera un punto de inflexión en canto á visibilidade do que á nosa música se refire. É unha necesidade urxente que a cantidade e a calidade dos produtos musicais galegos cheguen ó resto da cidadanía. Non ten ningún sentido que certos sectores da poboación vivan asolagados de oferta cultural, e outros sufran unha seca cada vez maior. Dende Músicos ao Vivo cremos que nesta realidade xogan un papel elemental os medios de comunicación públicos, e foi este o motivo polo que nos reunimos coa Dirección da TVG. Despois de varias xuntanzas co Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, co responsable de programación da TVG, Fernando Rodríguez Madriñán, e coa Xefa de programas, Vanessa Grela López, podemos dicir que os principios son alentadores.
Tanto a dirección da CRTVG como a Directiva de Músicos ao Vivo recoñecen a asimetría entre os medios públicos e a realidade, no tocante á visibilidade da música galega. E dende xa, estamos dándolle forma á apertura de novas canles de colaboración, que faciliten unha presenza maior e máis dinámica, así como unha participación máis proactiva por parte d@s músicos e grupos galegos. Isto é só un comezo, e de tod@s nós depende que signifique un punto de inflexión real. En próximos boletíns daremos instrucións detalladas e explicaremos polo miúdo como colaborar nesta nova etapa. Estade atent@s!!