Facémonos eco dende este boletín do macrodesfile das Batucadas Galegas. Unha megabatucada reivindicativa e festiva que terá lugar o próximo domingo 28 de Abril en Compostela. Convocan as Asociacións Aperta, Bloquinho de Xermolos, Perqtores, Kilomberos de Monte Alto, Gostosso Pa, Axé Percusión, Bate no Cobre, Cencerro Nejro e Trópico de Grelos. A cita será ás 12:00 na Alameda de Santiago. O macrodesfile sambará por toda a zona vella ata chegar á Praza da Quintana, onde se lerá o Manifesto.
No espírito do Batuque está o berro, o canto, e a certeza de que a música é vida, e facendo música entre tod@s, tomamos consciencia de quen somos, de onde estamos, e do que queremos. É un canto de vida, de poder, e nesta ocasión de reivindicación e protesta en positivo.
Esta iniciativa nace a raíz da Mesa de Debate pola Música ao Vivo, e como forma de confraternizar en torno á defensa da Cultura e da Música. O desfile das batucadas galegas convócase como apoio á Cultura Galega, ao dereito a traballar facendo arte e a accesibilidade da cidadanía á cultura. Acude!!! Apoia!!!! Difunde!!!!