imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA Ugia Pedreira. Socia número 80

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 abril 2013

¿Como empezaches na música?

Cantando na casa desde pequena mentres axudaba a miña mai nas tarefas domésticas. Ela inconscientemente educoume o ouvido e ensinoume todo o repertorio familiar da súa casa orixinal con dinámicas sentimentais incluídas. Logo veu o estudo do solfexo como dogmatismo, a rondalla da escola, o coro parroquial, un grupo folk do instituto, e Chouteira na Universidade. Desde que teño recordos lembro compoñer pequenas melodías unidas a palabras. Foi en Marful , Nordestinas e con determinados grupos de rock galegos onde puiden espremer os meus sentimentos e ideas a través das cancións. O proceso de facer unha canción é comparábel a un orgasmo dos potentes, é dicir, dos uterinos.

Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.

Non che son serea, son balea que lembra as debilidades porque as teño. Grande, gorda e valente son os adxectivos que mais escoito sobre min.  Síntome moi querida entre un perfil de xente moi emocional e con arestas. Desde nena tiña un imán especial para os tolos e tolas. Quero dicir con isto que este pais é moi diferente, moitos mundos dentro dunha xeografía cambiante. Nacín nas Altas Terras do Norte, na Mariña e alí nada ten que ver con o contexto de Vigo ou de Soutomaior. Polo tanto a forma de vivir a música é tamén ben cambiante. Gusto de estar e ser de aquí porque vexo que aínda queda moito por facer, porque vexo futuro no minifundio, no minúsculo, ao lado da casa. Mais non é fácil, hai que estar disposto a renunciar, a berrar con paixón como di Benedetti. Quizás non para a xente que busca moito éxito e moito diñeiro, e groso currículum para seguir con a roda da fortuna,  esas mellor que emigren si.

Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metida agora mesmo.

O meu primeiro disco foi no ano 1995 cando abría a nova discográfica Boa e da produtora Nordesia, momento ilusionante. Recibo diñeiro grazas á señora música desde os meus 25 anos. Só dous anos me dediquei a outra cousa: á psicoloxía. Desde entón pedagóxica, autoral e escenicamente como (de comer) dela. É posible.  E retroalimenteime en colectivo grazas á construción do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque por vía da investigación musical (I+D real), producións de eventos que son radicais (de raíz), concertos ou educación musical. Para min os novos camiños están relacionados directamente con a xustiza social, a saúde mental e polo tanto física no  oficio musical. Ser mais profundos polo tanto mais transparentes, claros e directos nas accións faime chegar ao fundamental. Andar pola tona non me entra no segmento espazo-tempo. Agora transito entre o Norte da Galiza e a Bretagne. Con Marful cando cadra e compoñendo para novo disco. Con Oscar Fdez (Cempés) nun proxecto de zanfona e voz que vai desde nova composición, pasando por Golpes Bajos e  romances tradicionais. E presentando o caderno Calendario Conista Lunar con MOV entre recitais de poemas e cancións. Todo isto á par que estou atenta á coidar a terra do árbore aCentral Folque e axudando en todo o que me permite o corpo.

 ¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional na túa vida e nos teus traballos?

Un porcentaxe interesante de música popular mariñeira das tabernas do norte, de música popular latina que viu polos portos e foi asimilada e transformada por este pobo, tamén música popular como o jazz das primeiras orquestinas galegas de vilas, certo repertorio asturiano-cántabro que me toca por parte do avó Jose que ia mercar bois a esas terras. Todo isto vai ao pé da música que escoito e gusto do pop-rock, músicas do mundanal, son tremendamente variable e como cociñeira aproveito para as miñas composicións.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Creo que é un momento ben lindo, como tantos outros da nosa historia, supoño. Faime pracer nesta época gozar da cantidade de músicos que hai por todos os lados, facendo cousas interesantes en calquera sitio do pais galaico. Podes atopar sorpresas e momentos imprevistos constantemente en calquera xénero. Talento e creatividade á bartola. Tamén é un momento de selección natural pois ao estar mais pegados ao público (como non é o caso actual do teatro, mágoa!) non todo vale. O público galego foise formando con nós. Iso é unha relación transitiva de ouro. Agora temos público para opcións de calidade menor, media, alta... Agora temos escolas xenéricas (salvo a de rock). Temos absurdas competitividades que fan reaxir con razón ou sen ela. A oportunidade de ser punk: fai-no ti mesma-o , o disco, o concerto, o proxecto! Claro que esta situación tamén desembarca na falta de solidariedade neste oficio que paradoxalmente é tan individual, no crecemento do vampirismo e dos mercenarios a calquera prezo.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

A música de por si promove a cohesión entre a xente. Certo é que en Galiza chamaba ao ceo a falta de tecido asociativo, aínda chama. Mais todo chega cando ten que chega, ou?. Se hai demanda e necesidade de que exista, benvido. Se é un espazo de encontro, búsquea de solucións a problemáticas comúns, de criadeiro de ideas, benvido para o meu entender. Se os colectivos e asociacións caen na estruturación administrativa, o seguimento burocrático, e depende fundamentalmente da subvención de aquela e outra administración entón, é mais do mesmo. Eu Con-fio no abstracto.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

En Francia, Bélxica existe o estado de intermitencia, unha pescada que tamén se morde a cola e que é tremendamente aniquilador con o factor tempo. Existe un paro e unha situación de cobertura como obreiro se tes alto ritmo de produción, facturación etc. E senón tés ese nivel de produción pois....? Na rede de músicos ao vivo desde o Agadic non se fixo seguimento do cumprimento da rede entre salas e músicos que non cobraron a entrada p.ex. Creo que a administración debe apoiar ideas e proxectos que veñan desde o tecido mesmo e con transparencia levalas a cabo. Poñer e sacar xugo aos recursos, loxística e persoal que debera funcionar realmente, para iso se chaman funcionarios. Qué significa dar pan para todos como no circo romano? O compromiso coa cultura e educación é horizontal, está no público, na administración, nos artistas ao mesmo nivel. Ninguén se libra da súa responsabilidade individual. O diñeiro é publico, ese chic é necesario e xusto. Os políticos e os funcionarios maman do meu diñeiro, do noso diñeiro público. A onde vai, porqué, para qué, desde onde se dá? Porque hai medo ao caos? Que é o orde social? Ir polo rego? Qué rego? Etcétera...

Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

A favor da xente que cre firmemente en que acertar e errar é ser un bo profesor. A xente que cre no poder da música e das artes para ser mellor persoa e máis cívica. Non me refiro a estratexias. A xente que quere curarse. Ese é miña pequena revolución: Fago e digo o que penso no núcleo familiar, no traballo e nas amizades con forza e con silencio tamén. Isto mesmo podo facer nas institucións mais unha cousa non está lonxe da outra. Individuos sans forman unha sociedade san, a min váleme esta frase para levantarme cada dia.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información