imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA Óscar Fernández. socio número 29

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 marzo 2013

¿Como empezaches na música?

Lembro de moi neno longas comidas familiares en San Sadurniño (A Coruña) con todos os meus tíos cantando, miña nai, avoa tamén cantaban moito e sempre houbo casetes e discos pola casa. Aínda que a min deume por enredar con frautas, guitarras, gaitas e acordeóns máis que por cantar. Aos 16 anos e logo de algún tempo con unha especie de coro parroquial con que aparte de amenizar misas dabamos algún concerto de músicas populares nas festas chamáronme para formar parte do grupo folk-reivindicativo Saraibas. Nese mesmo ano participei na creación e na gravación do 3º  L.P. do grupo e tocamos  moito en Galicia, e tamén en Portugal, París, Londres, Alemaña.  Ao mesmo tempo coñecín a outros músicos da miña idade e máis interesados na música instrumental e deixei Saraibas para  formar pouco a pouco o que sería o grupo no que levo 20 anos dando a nota: Os Cempés.

Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.

Coñecín  tempos nos que moitos músicos transportabamos e montabamos (e desmontabamos) o noso propio equipo, toquei en romarías, festas, sesións vermú ao vivo e logo viñeron anos nos que os medios técnicos e condicións de traballo foron mellorando, a partir dos 90. A promoción de espectáculos con grupos folk xeneralizouse e de algún xeito e houbo bastante apoio das institucións, a prensa implicouse, e os músicos traballaron duro. Casualmente esta moda do folk instrumental e o apoio institucional coincidiu coa case (non total) desaparición da canción protesta ou rebelde no folk que sobreviviu nalgúns grupos de rock e cantautores. Xa non era só Milladoiro o grupo que saía fora a de Galicia a tocar e vendíanse discos, pero ao mesmo tempo fomos perdendo a independencia ao deixar que a unha gran maioría de concertos e festivais se celebraran con entrada de balde. As palabras “folk” , “subvención” e “entrada de balde” soan aínda hoxe xuntas demasiadas veces. O lado positivo é que se fixo moita música, exploráronse diferentes camiños (non un só) e moita xente nova segue interesándose pola música tradicional ou polo folk. 

Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Foi a miña escola, miras atrás e ves os acertos e os erros e tentas corrixir o malo ou evolucionar no bo.  Non gusto moito de repetir fórmulas, sempre probar novos camiños é o que me anima. Agora mesmo e despois do intensísimo traballo no ano pasado coa produción de Tentemozo  intento coidar e gozar de formacións en Dúo con Carlos Quintá ou con Ugia Pedreira e tamén tocar máis a marxe das aulas con alumnos avantaxados  (e non tanto) de zanfona. Con Os Cempés xa estamos argallando un novo concepto para un novo repertorio que quere ser máis duro e máis contundente do feito ata agora.

¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional na túa vida e nos teus traballos?

A música tradicional é a que máis coñezo, toquei a gaita, o acordeón... un día decidín que quería aprender a tocar e dar aulas de zanfona e niso estou. Aprendendo melodías de ouvido, buscando os  máis mínimos detalles escoitando unha e outra vez as gravacións antigas descobres que temos un grande tesouro na música tradicional. Iso non evita que guste de analizar  e logo experimentar con elas. Aínda xogando a mesturar a música antiga con elementos de outros xéneros musicais procuro a maioría das veces que a forza e a estética da fonte orixinal non se perda, que non sexa unha simple desculpa.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

A creatividade existe e os músicos asumen un nivel razoable de risco con novas propostas.  Pero creo que nos 90 e 00 perdeuse a oportunidade de afianzar unha relación máis interactiva entre o público e os artistas ao xeneralizar o “GRATIS” en demasiados eventos musicais pequenos ou grandes. Sei que moitos programadores e músicos intentan agora cambiar iso pero outros moitos seguen a pensar que o modelo anterior debe seguir. Eu non vexo outro camiño, aínda que para os grupos que comezan é aínda máis difícil e vexo lóxico que intenten darse a coñecer participando en concertos onde non se cobre entrada ou esta sexa mínima.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

¡Estupendo! cando coñecín a iniciativa púxenme en contacto inmediatamente. O que máis me animou foi que non houbera que cumprir requisitos de xéneros musicais nin idiomas empregados. A vontade de integrar nun colectivo músicos que fan música ao vivo sen máis. Para sectarios os políticos.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A administración pública ten que informarse das necesidades do sector falando cos  promotores, técnicos e artistas pois en principio estas só teñen o poder e os fondos e non o coñecemento, que pregunten. Músicos ao vivo é un interlocutor imprescindible que non había ata hai pouco. As administracións poden axudar a que esas empresas teñan independencia, e esixir que se realicen proxectos en condicións dignas tanto para o público como para os artistas e os técnicos. Tamén poden axudar a afrontar parte dos riscos que supón organizar certos eventos pero non subvencionalos a fondo perdido e son quen poden/deben axudar a promover aos novos artistas. As axudas deberían estar condicionadas a que se garantan  espectáculos minimamente dignos tanto para o público como que as condicións e horarios de traballo dos artistas e técnicos sexan asumibles. Tamén a que os eventos se anuncien. Non entendo que nestes tempos aínda  se subvencione en parte con cartos públicos eventos  no que o público teña que  levar botas de seguridade  para non cravarse cristais de botellas rotas ou os músicos casco. Hai excepcións, pero ás veces parece que algún concello ou consellería merca o seu anaco de publicidade no cartel e acabouse a responsabilidade.  Creo que o que se precisa son moitos  máis eventos pequenos ou medianos  e a poder ser en horarios razoables (para tódolos públicos). O que queira escoitar aos “Rolling”, que aforre todo o ano para as entradas.

Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta? 

Xa me queixei arriba... Antes de me seguir queixando empezaría por preguntarme a min mesmo canto estou disposto a traballar e arriscar polo meu proxecto e ver si estou sendo o suficientemente tolo para que sexa interesante. Tamén invitaría  a calquera dos que me din con nada disimulada envexa a típica frase  “Tes  sorte, que fas o que che gusta” a coñecer a parte da vida de moitos músicos que non se ve a ver si lle parece tan guai ou que nos tocou na lotería.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información