¿Como empezaches na música?
Na miña casa sempre houbo instrumentos musicais que tocaba o meu pai, que ademais é un grande amante da música. Así, o meu achegamento a esta foi moi natural e case que inevitable.
Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.
Síntome realmente afortunado por poder vivir do meu traballo. Toquei en bandas de case que todos os estilos posibles, unhas veces contando co apoio do público e outras (as menos afortunadamente) coa indiferenza absoluta do mesmo, pero sempre co obxectivo claro de perseverar en facer aquilo que máis me gusta.
Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.
A experiencia dáche tranquilidade, sosego, faiche perder o medo (que non o respecto) a afrontar novos retos musicais, a posibilidade de pensar as cousas dúas veces antes de enfrontalas, visualizalas e planificalas para levalas exactamente ao lugar que queres.
Actualmente desenvolvo a miña actividade en formacións como Berrogüetto, aCadaCanto, Espido, Tres peixes voando...
¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional na túa vida e nos teus traballos?
Eu non proveño do mundo da música tradicional, pero si comparto dende hai bastantes anos a miña vida profesional con músicos desa procedencia, grandes coñecedores da música de raíz en particular e da cultura popular galega en xeral. Hoxe en día gran parte do meu traballo ten a tradición como referente inevitable e irrenunciable.
¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
Dende xa hai algún tempo vivimos momentos de certa eclosión musical no país: cada vez máis e mellores músicos nos distintos estilos, grande creatividade plasmada en innumerábeis edicións discográficas... e desconexión case total co gran público, que probablemente sabe moi pouco ou nada da existencia deste fenómeno e dos seus protagonistas.
¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Absolutamente necesario. Sempre foi a gran “asignatura pendente” do colectivo, e parece que agora que botou a andar, agardo que sen posibilidade de volta atrás, está en proceso de consolidación en boa parte debido aos bos resultados obtidos da xestión destes anos. Está nas nosas mans, nas d@s soci@s vivindo o día a día da asociación, pero tamén nas de quen aínda non o son, achegándose a ela e animándose a formar parte da familia porque, hai que dicilo, aínda somos pouc@s.
¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?
Despois de moitos anos de dependencia das administracións, feito que probablemente anulou outro tipo de iniciativas, agora vémonos na necesidade de recuperar o tempo perdido. O papel da administración debera ser poñer en marcha os mecanismos que permitan ao sector desenvolver a súa actividade con normalidade, con autonomía, sen dependencia... Debera consideralo parte do tecido produtivo do país (de feito éo), empregalo como iso que agora está en boca de tantos cando interesa, a “marca país”, porque a experiencia di que o de aquí funciona fóra.
Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?
Por exercer algo de autocrítica, contra o propio sector, contra nós mesmos, contra min mesmo, pola nosa histórica pasividade ante os problemas comúns, por non existir durante tantos anos como colectivo. A Asociación de Músicos ao vivo é a esperanza para mudar moitas cousas. Como primeiro paso conformaríame con que mudara a nosa mentalidade minifundista.