¿Como empezaches na música?
O gran responsable foi o meu pai que me cantaba as cancións de Faustino Santalices cando era ben pequena. Transmitiume un profundo respecto pola música galega. O meu primeiro contacto foi na escola, onde recibín clases de canto, pandeireta e gaita con Pepe Vaamonde. Máis adiante entrei a formar parte da Banda de gaitas “Os Rexumeiros” de Elviña na que xurdiu o primeiro grupo da que fun solista, “Vai-te Embora!”. Recibía clases de solfexo, canto e guitarra na miña casa. Fixen os meus primeiros concertos con 13 anos. Despois chegou a colaboración con Susana Seivane en dous dos seus traballos e á que acompañei durante tres anos nos directos. Apareceu entón a proposta de Fía na Roca cos que estiven 10 anos e mentres tanto colaborei con varias formacións e proxectos como Ball Cans, Son Delas, Seare, Pelo Gato 24, os canadenses La Bottine Souriante, Enrique Paisal, Brañas Folk, Voces na Musa, Sereas ou Cantigas de Mulleres.
Despois de tantos anos metida na música, como vives o presente? cóntanos que proxectos tes en mente.
Vivo o presente con ilusións renovadas. Fai dous anos decidín iniciar un novo proceso creativo e máis persoal, o meu proxecto en solitario. Unha retrospectiva do meu camiño ao longo destes anos pola música. Nestes momentos estou dándolle forma e agardo que sexa a finais de ano cando estea listo. Quero facer un disco bonito e que me represente como eu son.
Segundo a túa experiencia, que é o máis valioso que tes recibido da música?
O cariño e a admiración de quen se emocionan cando canto. A música permitiume coñecer a moita xente e achegarme a outras culturas, coñecer outros países e relacionarme con músicos aos que admiro profundamente. Todas estas vivencias e experiencias axudaron tamén a crear ese imaxinario sonoro persoal.
¿Como definirías a presenza da música tradicional galega na túa vida e nos teus traballos?
A música tradicional galega está ligada á miña vida; é o punto de partida e fonte de inspiración para min. Na miña casa soaba moito Faustino Santalices, Cantigas da Terra, Pallamallada, Fuxan os ventos, Amancio Prada... Aínda así, gústanme moitos estilos musicais pero estremezo cando escoito ou canto algunhas das xoias musicais que temos na tradición. Todas as formacións e traballos nos que participei teñen como elemento común a música galega a pesares de ter perspectivas diferentes cada un deles. No meu disco tamén haberá algunha referencia a pezas que me levan acompañando toda a vida pero tamén é certo que miro con entusiasmo e trato de estudar outras músicas que me chaman poderosamente a atención como as músicas europeas de raíz.
¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
A diversidade musical galega é moi sobresaínte, non deixan de aparecer novas propostas de gran calidade. Non faltan ideas nin músicos que as artellen, falta soporte para todas elas. A creación de circuítos estables durante todo o ano é un aspecto que conduce a que o público se habitúe a consumir música. Darlle novos usos aos espazos. Introducir a música en situacións e contextos que non foron contemplados anteriormente. Unificar o sector en canto a esforzos e propostas por parte dos músicos para que exista unha comunicación fluída entre nós e xurdan novas liñas de colaboración ou propostas empresariais vinculadas á música.
¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Paréceme moi necesario e funcional. Aplaudo a iniciativa da que formo parte desde os comezos pois era unha tarefa pendente no noso sector. Un punto de encontro para o debate e a mellora do colectivo e da estrutura cultural deste pais. A profesionalización dos músicos paréceme un aspecto importantísimo. Músicos ao vivo invita á reflexión e a necesidade de idear xuntos propostas de mellora. Outro dos aspectos que considero moi positivo é a pluralidade do colectivo asociativo pois a pesares de pertencer a estilos musicais diversos temos necesidades comúns.
¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?
Sen lugar a dúbidas, o dar visibilidade e apoio institucional ao tecido cultural, e con isto non me estou referindo a poñer fío musical en directo nas feiras gastronómicas. Exportar a nosa música como produto de calidade e empregala como marca da casa que nos represente. Achegar a música ao vivo ás escolas para que as rapazas e rapaces tomen consciencia dela como manifestación artística de expresión e creatividade e a súa posta en valor dentro da sociedade. A administración pública debe recoller as propostas dos colectivos para artellar unha estrutura sólida que dea resposta ás necesidades do sector.