Facemos un chamamento a tódolos músicos galegos que adiquen unha parte importante da súa actividade profesional á música ao vivo. Non esaxeramos se cualificamos a situación actual como de emerxencia. Por primeira vez dende hai moitos anos, os músicos profesionais deste país ven perigar esta actividade que ata o de agora, se ben non estaba regrada, si cumpría uns mínimos que a facían relativamente sostible.
Hoxe en día, en Galicia, onde nunca houbo tantos concertos, e tantos grupos, e tanta acción en torno á música ao vivo, parece que o único que non ten lugar nesta ecuación, é o propio músico que tenta desenvolver a súa actividade de xeito profesional.
¿Que está pasando? ¿Desaparece a figura do Músico Profesional? ¿Podemos facer algo como colectivo? ¿Cales son as condicións actuais? ¿Que pasa coa programación a "taquilla"? ¿Podémonos permitir como sector que existan concertos a custe cero para o programador? Se o noso é un traballo, ¿por que non existimos como tal? ¿De quen depende? ¿O único xeito de que exista música ao vivo, é a costa da nosa precariedade? ¿Onde está o límite?
Músicos ao Vivo quere servir de soporte e altofalante dunha mesa de debate que saque conclusións prácticas. Non queremos teorizar, queremos determinar se os músicos debemos e podemos facer algo, e se non é demasiado tarde.
Acudamos o vindeiro Domingo 17 de Febreiro ás 17:00h ó Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).