Dende o Poder institucional é lóxico intentar desprestixiar ós axentes culturais. O feito cultural, tanto no seu proceso creativo, como na súa práctica de consumo, é basicamente perigoso para quen ostenta o poder. A razón disto está en que o uso da Cultura por parte dun pobo dinamiza a acción social. Une á cidadanía. Fai pensar. E ó Poder vaille mellor controlar a xente que non pensa.
Cando os axentes culturais son colectivos disgregados e dispersos, o Poder institucional pode desprestixialos facilmente porque son febles e manipulables, e é moi sinxelo enfadalos entre si. Pero cando os axentes culturais se organizan e se asocian e conseguen mellorar as súas condicións de vida, traballo e creación, entón o Poder recorre a outro tipo de formas de desprestixio.
Por iso cando a xente da Cultura proteste, sempre se lles intentará vernizar de pedichóns que viven do conto, de pseudofuncionarios a conta das subvencións, de hippies nostálxicos que non souberon buscar un traballo de verdade. A cuestión é que a xente da Cultura vai e ven, e iso non é o importante. O realmente crucial é que negando os axentes culturais, négaslle o acceso á cultura ó resto da cidadanía. E iso é o que pretenden. Por iso, agora máis que nunca, Cultura contra a Mentira...