imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA Baldo Martínez. socio número 134.

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 xaneiro 2013

O contrabaixista galego Baldo Martínez é un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo feito en Galicia e en España, afastado das correntes do Jazz americano e moi na liña do Jazz europeo actual alterna a súa actividade musical entre o Jazz ea música libre improvisada.

¿Como empezaches na música?

Se imos ao principio de todo, foi alá polos anos 70 tocando música de grupos como Led Zeppelin ou Deep Purple, aínda que daquela non tiña nin sequera baixo, só o tiña para os concertos, que se facían en colexios e algúns festivais organizados de xeito “artesanal”en Ferrol, eu tiña 15 anos. Pero foi uns anos despois cando me metín mais a fondo, a principio dos 80 cando empecei a introducirme no Jazz, á miña voltade Barcelona onde iniciei os meus estudos de música no conservatorio.

¿En que proxectos musicais andas inmerso actualmente?

Acaba de saír o disco de MBM Trío xuntoa Lucía Martíneze Antonio Bravo,  e como é lóxico é un dos proxectos prioritarios na actualidade, xunto con Triez, Sons-Nús e o Projecto Miño, estes pódese dicir que son nos que estou mais inmerso pero tamén están o meu quinteto e o Cuarteto Acústico…….e algunhas colaboracións.

¿Cales cres que son os camiños que está a tomar o jazz actual?

Uf! Na actualidade o Jazz está nunha época de madurez na que hai moitos camiños a seguir e non paran de xurdir outros novos. Penso que esta é unha etapa moi activa e onde aparece o máis interesante, dende o meu punto de vista,e nas pontes Europa-America, sendo a primeira onde se están a facer os proxectos mais interesantes, buscando cada un a súa entidade, aportando cada vez máis cousas de outras músicas, como sempre foi nesta música que se alimenta de todas as fontes que atopa de interese.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia? ¿E concretamente do jazz galego?

Dende o punto de vista creativo e artístico penso que no caso concreto do Jazz  estase a pasar por unha etapa de explosión de músicos moi ben preparados, con moitas ideas e que as plasman en proxectos moi interesantes e persoais. Ten tamén moi boa acollida fóra de Galicia,  tense moito interese polo que esta acontecendo aquí. Por outra banda necesítase un maior apoio institucional, si que o hai dende os clubs xa que hai bastantes en todo o país onde de xeito regular se programa Jazz, aínda que sempre pode haber máis,  é unha moi boa maneira de que os músicos estean activos pero, como dicía, as institucións aínda ven o Jazz como unha música que ven de fóra e non como unha música universal que se vive de xeito distinto dende cada país, é un moi bo sinal de identidade e iso é o que teñen que asumir as institucións.

¿Que lle dirías a un rapaz que se quere dedicar profesionalmente á música?

Difícil, cada persoa é un mundo. Se quere dedicarse profesionalmente e porque xa ten coñecementos e experimentou algo, senón e así primeiro que se empape de moita música, tanto escoitando como estudando con bos profesores e tocando,e aprendendo dos mestres; e despois, cando o teña claro, que pense que é un camiño onde ademais de iso,o de buscarse a vida en todos os sentidos é vital, senón pódeste converter nunha mera máquina de facer notas, sobre todo senón buscas a túa personalidade como músico.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Un gran logro, e que se manteña dende hai anos como é o caso de Músicos ao Vivo. Algo moi necesario non só para resolver problemas que ten o colectivo a nivel laboral, senón para ter unha voz que fale por todos ben alto e claro.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

Debería tomar un papel de seguimento e apoio a todos os traballadores da música, en primeiro lugar aos propios músicos,  sen eles a música non existiría e o resto da industria que xorde ao redor non tería sentido. Por iso penso que en vez de tomar tantas iniciativas dende arriba, dende o poder, os políticos e xestores destas institucións deben baixar á terra e preguntarlle aos músicos directamente que é o que esta acontecendo e cales son as necesidades para este amplo colectivo. Eles, os políticos e os cargos que eles poñen, están durante catro anos, despois cambian pero nós, os músicos permanecemos durante anos, durante toda a nosa vida profesional neste sector e penso que somos os que mellor podemos saber cal é a verdadeira problemática e cales son as nosas necesidades. Eles, os políticos, é normal que non estean tan ao tanto do que esta acontecendo, son soamente 4 anos, ou ao sumo 8.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información