¿Como empezaches na música?
Dende moi neno coa batería e bongos facía algún dúo co meu pai, que tocaba guitarra, acordeón, harmónica... Algún grupiño caseiro (recordo a José Acuña daquela...) e entrar a formar parte do grupo Cumbre a finais dos 70. Todo elo acompañado dunha xenerosa escoita de música e visionado hipnótico do pouco que saía na tele. No 72 comecei no conservatorio.
Levas tanto tempo dedicado á música, que dificilmente se che pode etiquetar nun ámbito ou disciplina, cóntanos en que andas metido agora.
Ademais das clases e mentres segue de descanso Fía na Roca, estou con X M Budiño, fai uns días presentamos o traballo “Jet Lag” da Banda Crebinsky, e algún que outro concerto con Martín Códax e con Resonet. Tamén estou preparando a edición (con Dos Acordes) dunhas pezas para grupo de percusión baseadas na música tradicional, da que xa saíu “Maruxiña”.
Tras tantos anos na música de xeito activo. Tanto na docencia como no directo, ¿como resumirías a túa experiencia musical?
Pois como unha continua aprendizaxe. Como percusionista hai etapas nas que dedicas máis tempo a un instrumento que a outro, e sempre buscas facelo mellor na seguinte oportunidade.
¿Ten algún tipo de presenza a música tradicional galega na túa vida e nos teus traballos?
Dende sempre: impartición da materia de Percusión Tradicional, arranxos para percusión, na metodoloxía propia publicada para a iniciación á percusión, e na música no escenario de varios grupos incluídos os de música antiga.
¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
Falando do lado positivo creo que nunca houbo tanto músico bo en calquera xénero ou estilo, con infinidade de propostas e proxectos artísticos.
¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Necesario, e precisamente que sexa para todo tipo de músicos. Queda moito por facer e non pode ser feito máis que polas negociacións e conquistas dun colectivo.
¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?
A cultura musical de base: unha sociedade onde se valora, escoita e consume a música empeza pola educación dende nenos. É necesaria unha rede de escolas de música coa dotación e persoal necesarios. Facilitar totalmente a convivencia dos estudos obrigatorios cos de música, incluso coa creación de centros integrados.
Ónde tocar?: non ás mega-construcións e máis salas nas cidades, abertas a todo tipo de formacións. Buscar algunha fórmula que permita que funcionen os locais (tipo club de jazz, por exemplo).
Exportar: cando non se ten educación cultural, non se sabe valorar e, por tanto, non se ve a necesidade de mostrar fóra do país a nosa riqueza cultural agás reporte algún beneficio para alguén (ou político de turno). O intercambio e a exportación (en condicións dignas) das manifestacións musicais feitas en Galicia debería ser un feito constante.
Carlos Castro é o socio nº 59