Lévase falando da Globalización tanto tempo que nomeala agora sona a pasado de moda, ós 90, a unha explicación caduca e moi pouco cool. Pero sentíndoo moito, hoxe toca Globalización. Xa nos gustaría que non estivera de actualidade. Cando se falaba do pequeno comercio, do comercio local, do quilómetro cero, a maioría de nós pensaba no zapateiro, no froiteiro, na mercería, na ferraxería, etc... e cando se falaba da Globalización, poucos pensabamos máis alá das grandes superficies comerciais, da importación de manufacturas asiáticas, e como moito, das consecuencias da deslocalización da man de obra. Pois ben, é moito peor que todo isto, sobre todo cando pensamos na cultura.
O creador galego quedou sen armas coas que chegar o seu público, o seu veciño, o do quilómetro cero. O escritor e editor queda sen librerías amigas, o músico sen tendas de discos cómplices, o cineasta sen salas de cine libres, o creador escénico sen espazos onde representar a súa obra. Estamos amordazados.
Para chegar ó lector do lado tes que viaxar ata Madrid, para meterte en La Casa del Libro, para chegar ó veciño melómano tes que falar con Francia para que se venda o teu disco no Fnac, para distribuír unha película, igual acabas negociando con USA para que a túa cinta se proxecte un par de veces nos Cinesas do Polígono.
Vendéronnos que a Globalización nos permitiría ser universais e que a nosa arte chegaría a tódolos confíns do mundo, pero non nos dixeron que o prezo a pagar era illarnos da nosa propia xente. Se non podemos transmitir o noso traballo con liberdade entre nós, para que seguir creando?