¿Como empezaches na música?
En 1980, no rexurdimento social e cultural froito da transición, fundouse na miña vila, Mera (Oleiros), a agrupación folclórica A’Marola, na que entrei a formar parte como bailador e na que me iniciei como músico. Paralelamente, dende cativo gustei de todo tipo de músicas, sempre tiven a sensación de que non fun eu quen escolleu a música, senón que foi ela a que me escolleu a min.
Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.
O meu caso é un tanto singular xa que despois de anos participando en numerosos grupos, tradicionais e doutros estilos, no ano 1995 tiven a oportunidade de acadar unha das prazas de mestre gaiteiro do entón IGAEM, hoxe AGADIC, o que supuxo a posibilidade de dedicarme integramente e profesionalmente á música galega dende unha institución pública, con toda a responsabilidade e honor que iso implica. Dende entón combino o meu traballo diario nese posto coa docencia e a participación a título persoal noutros proxectos.
Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.
Penso que son un músico un tanto atípico. Sen dúbida os meus alicerces están asentados na música galega de raíz, a popular, a tradicional, a folclórica, pero sempre dende unha perspectiva contemporánea. Son un inconformista nato e non me gusta nada repetirme, abúrrome, e por iso sempre estou aberto a propostas que me ofrezan retos persoais novos. E á vez bulen dentro de min posibles proxectos futuros pero deixo que o tempo faga o seu traballo e decida cando é o momento oportuno. Agora mesmo estou gozando especialmente dos concertos de aCadaCanto, o proxecto compartido con Guadi Galego, Xabier Díaz e Guille Fernández, porque me permiten amosar a miña faceta máis intimista e minimalista, algo que a música popular non permite a miúdo. Espero que o futuro me sorprenda cos proxectos máis inesperados posibles, tanto para min coma para vós.
¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional na túa vida e nos teus traballos?
Para min é inherente a todo o que fago. É coma o lugar de nacemento dun, podes viaxar ou vivir en calquera punto do planeta pero sempre hai unha ligazón recorrente coa propia terra. Escoito e gozo de todo tipo de estilos musicais, aprendo deles e encántame descubrir novas cousas, coma visitar outros países, pero cando compoño sempre impera en min, involuntariamente, unha vontade por facer música como galego, coma unha denominación de orixe.
¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
Ocórrenseme unha morea de tópicos, e todos eles certos. A presenza da música na sociedade é patente, o noso patrimonio musical e a súa vitalidade e conservación é excepcional e envexado polos nosos veciños, o nivel dos músicos crece exponencialmente cada ano e a interacción entre eles multiplica ese efecto. Que falla entón? Pois o mesmo que noutros eidos da nosa cultura coma a gastronomía ou o entorno natural: ser quen de convertelo nun xerador de riqueza para o país, tanto económica, como laboral, social, cultural,... tanto dentro do país coma fóra, e sempre cun criterio firme de calidade e autenticidade. Precisamos aplicar o I+D+i na música.
¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Para min é un dos fitos máis importantes dos últimos anos no eido da música galega cara a ese artellamento do que falaba na resposta anterior. Síntome orgulloso de que se crease e de formar parte dela. E sabendo a heteroxeneidade e complexidade do espectro dos músicos do país paréceme dobremente meritorio o esforzo que estades a realizar. Os resultados vos avalan e confío que a súa consolidación e crecemento ofreza novas vías de traballo e máis beneficios para tod@s.
¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?
Desgraciadamente fomos criados nunha dependencia absoluta das administracións, un monopolio que afogou calquera outro tipo de iniciativa paralela, e que moitos sabiamos que deixaría un territorio ermo cando non estivera, coma é a situación actual. As administracións deben promover e asegurar a autonomía das artes, exercendo de xuíz e non de parte, artillando unha rede estable de locais e eventos de calidade, creando mecanismos de desenvolvemento, evitando a competencia desleal da gratuidade, e sobre todo apostando decididamente pola imaxe, promoción e distribución mundial.