A vida é política, e antes ou despois acabas topando coa política e coa súa forma de expresión máis vulgar: os partidos políticos. E, se ademais atópaste inmerso en plena campaña electoral, pois entón as probabilidades de topar coa política de fronte son xa case absolutas. Nesta campaña electoral previa ás eleccións do 21 de Outubro, cando se decidirá o próximo goberno da Xunta de Galicia, a música tamén acabou entrando no debate electoral, pero non como a nós nos gustaría; da man dos candidatos a Presidentes da Xunta e en forma de propostas sobre a nosa profesión e o noso sector. Nesta campaña, a música entrou polas redes sociais, e deu bastante de si.
Os dous partidos políticos maioritarios (PP e PSOE), presentaron sendas cancións electorais. Supoñemos que o obxectivo era animar ós indecisos, e reafirmar os seus fieis. É dicir, para qué fas un videoclip nunha campaña electoral? Para conseguir votos, non? Pois votos non sabemos se conseguirían, pero o que si conseguiron foi espertar ó crítico musical que cada galego leva dentro, e boa mostra disto é o rastro de comentarios que os internautas foron deixando polas redes. Para os que aínda non viron estas xoias, trátase de Veña Galicia, polo PPdeG, e Prezo aos corazóns polo PSdeG. Investide 5 minutiños en buscalos en youtube. Por razóns de responsabilidade corporativa, Músicos ao Vivo abstense de emitir calquera valoración musical ó respecto de ditas composicións. Que cada quen extraia a súa propia conclusión.