imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Marcos Teira. Socio número 12

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 outubro 2012

¿Como empezaches na música?

Imaxino que, en gran parte, por culpa de Rosendo mercado e Paco de Lucia (Leño e o Sexteto do “maestro”), dúas visións televisadas nos 70 en branco en preto que me deixaron parvo antes de cumprir 10 anos.

Fálanos da túa experiencia como músico flamenco en Galicia.

Non me considero un flamenco, mais ben un músico que coñece, goza e utiliza esa linguaxe, e tamén outras, para comunicarse pero si teño que falar como flamenco en Galicia:
-Dende arriba do palco:
Por un lado “perro verde”; por outro didacta obrigado (uns cantos músicos galegos aprenderon de nós o que é unha bulería).
-Dende abaixo do palco:
Sorprendido sempre polas reaccións do público á proposta dun galego cunha guitarra flamenca na man, tanta xente aberta, tanta pechada…

Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

O ano pasado fixen (por encargo) un disco eu só para Manufacturas Alhambra cos seus instrumentos, “versionando”, quero dicir traducindo, hits de tódolos estilos á miña linguaxe “aflamencada” (en breve vou a reeditalo para os meus queridos “escoitantes”).
Dentro duns meses publicarei xunto con Mariano Martos un libro-disco tamén con esa idea de “aflamencar” clásicos do jazz á linguaxe do flamenco. esta vez tentando explicar cales son as claves que nós entendemos imprescindibles para falar esta lingua…

¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional galega na túa vida e nos teus traballos?

Considérome un ignorante da música tradicional galega, por iso sempre que podo xúntome con músicos desta onda e así podo aprender algo… pero finalmente creo que gozo mais con aqueles que teñen as súas miras mais alá do que se da por chamar tradición, aí hai camiños con menos silveiras, aptos para andar con tipos coma min…

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

A música en Galicia non ten unha situación. A música en Galicia, igual que en tódolos lados, é o que lle ferve no peito a cada músico, produtor, programador, escoitante… no meu caso, si a experiencia vale para algo, a miña dime que hai que saír fóra para recoñecer quén somos,  saber que é o que non temos e así poder buscalo dentro.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Indispensable. En xeral os músicos somos xente que traballamos moito sos, por outro lado cada músico é de seu pai e súa nai, (non hai mais que mirar para min)… é moi importante que haxa unha plataforma que nos xunte como colectivo e axude a reivindicar, diante de quen se precise, o que nos pertence como grupo social..

¿Que papel cres que debe desempeñar a Administración Pública na música e nas chamadas Industrias Culturais en xeral?

Creo que antes de outras accións, as Administracións Públicas deberan non estorbar aos colectivos e individuos que fan, programan e escoitan música porque, dende sempre, a música faise, programase e escoitase sen necesidade de que existan as Administracións Públicas. A iniciativa privada é (sempre foi) o camiño que precisa calquera actividade comercial, tamén a música.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información