Parece que entre os programadores non se leva aquilo de “menos é máis”. Parece que en tempos de recortes, a música ao vivo non se quere dar por aludida. E parece que a crise non amorteceu a tendencia dos últimos cinco anos en canto a sobreprogramación se refire.
A música ao vivo lévase utilizando como reclamo dende tempos inmemoriais, e qué sería de nós, os músicos, sen axentes dinamizadores da nosa actividade. Que sería de nós sen os promotores privados, sen os festivais, sen as programacións municipais, sen os locais de música ao vivo, sen as salas de concertos, sen as asociacións culturais que promoven actuacións, etc... Pero nestes últimos anos asistimos a unha oferta musical tan arbitraria, tan aleatoria e, en moitos casos, tan excesiva que fai realmente complicado introducir un pouco de sentidiño na nosa profesión.
O arranque do outono na Capital do Reino (de Galicia) é un bo exemplo disto. O xoves prográmase en Compostela a Howe Gelb e a The Jayhawks, con media hora de diferenza e a 400 metros de distancia un doutro. Quen non os coñeza, aclarar que vai dirixido ó mesmo público. O venres e sábado, a competencia está entre o Music Way con The Manic Street Preachers, Resentidos, Herdeiros, Maryland e Holywater, e o Outono Rock do Capitol con Ray Collin’s Hot Club e Jeff Hershey & The Heartbeats. Ademais destas competicións directas de a ver quen mete máis público, non esquezamos que o mércores, xoves, venres, sábado e domingo, aínda hai máis concertos para o público compostelán. Agadic contra concellos, promotoras privadas entre si. En fin... máis dun, aínda lle seguirá botando a culpa ós músicos, de que non se enchan todos os concertos.