imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Uxía Senlle. Socia número 25.

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 agosto 2012

¿Como empezaches na música?

Nacín nunca familia onde a música era o centro. O meu pai tocaba o contrabaixo na orquestra de baile Madison, onde aínda había violín e acordeón. Despois, naquel ambiente propicio, comecei a compoñer coa miña guitarra e facía concertos no instituto, nos 'pubs', no C.R.C de O Porriño, alí onde puidese pousar a miña voz para ser escoitada. Despois gañei o Festival de Bergantiños, cun tema meu: 'Na noite espero', no ano 85 e aí comezou o meu periplo profesional. Gravo o meu primeiro disco 'Foliada de Marzo' no 86 , con produción do grupo Na Lúa e no 87 incorpórome ao grupo, co que aprendín moito e que me introduciu no mundo da música tradicional.

Ves de recoller moitos recoñecementos co teu novo disco “Meu Canto”, ¿Que Uxía podemos atopar nel?¿Que aportou a experiencia de gravación no Brasil?

A Uxía máis intimista. É un disco onde a voz é protagonista e quixen facelo así para que a homenaxear ao meu instrumento, a voz. Ao mesmo tempo é unha reflexión sobre o canto, as emocións que provoca, como pode aliviar a dor, dar vida a melodías que sempre me acompañaron nestes anos, quixen ao mesmo tempo facer unha retrospectiva con cancións que son fundamentais na miña traxectoria. E graveino en Brasil aproveitando unha extensa xira que me levou a ese país xigante na música sabendo que ía ter moitas complicidades e unha sonoridade (voz e guitarra) na que eles son auténticos especialistas. Así que, atravesando a Bahía de Guanabara en barco todos os días, dirixíame, xunto ao meu 'brasilego' Sérgio Tannus, aos estudios da editora Biscoito Fino, onde nos agardaban algúns dos músicos máis brillantes que acolleron o meu traballo con moito entusiasmo e colaboraron dando o mellor de si (como produtor o grande Jaime Alen, Lenine, Marcelo Martins, Sérgio Chiavazzolli, Marco Lobo, Lui Coimbra, Socorro Lira e moita xente que se sorprendeu co son das pandeiretas, das melodías galegas que lles eran nalgún caso, familiares. O 'sotaque galego' tamén lles gustou moito e o equipo de profesionais (técnico, axudante, etc, eran do mellorciño, un luxo auténtico gravar no mesmo micro que Chico Buarque, Maria Bethânia, referencias incontestábeis para min. Pero a peza fundamental para este disco foi, sen dúbida, Sérgio Tannus, que foi o meu cómplice e o meu parceiro en moitas das composicións.

Tras vinte e cinco anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos?

Cada vez busco máis a esencia, o minimalismo, o pensar que 'menos é máis” e custoume chegar a esta conclusión porque sempre fixen traballos moi sofisticados a nivel de arranxos e timbres e cada vez máis penso na simplicidade e na voz como centro, como portadora da palabra. Tamén me gusta moito producir traballos de outros artistas como o 'Interior' de Emilio Rúa, os discos de Malvela ou o da Sra Carmen. Todos eles deixan que aflore a miña paixón polo estudio e tamén a experiencia de tantos anos nos escenarios.

¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional galega na túa vida e nos teus traballos?

É unha música que sempre me inspira e que trato de recrear ou de facer miña. Ás veces compoño baseándome nestes ritmos e penso que é unha fonte que nunca seca. Nos Cancioneiros, nas voces das mulleres da miña aldea, na miña etapa no programa Alalá como asesora musical na que o pasei moi ben e aprendín moito, coñecendo auténticas xoias do noso patrimonio. Cada vez son máis devota da música tradicional que ademais debuxa dun xeito moi fidedigno a identidade dun pobo.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Vexo cada vez máis riqueza e variedade. Quizais vive un dos momentos máis brillantes da súa historia polo eclecticismo e calidade das propostas. Do Jazz ao rock, ou a música folk, música de autor, hip-hop, electrónica, o pop…Procuro estar atenta polo meu labor como crítica musical no Diario Cultural da Radio Galega. Ás veces non dou abarcado todas as novidades.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Era algo longamente agardado e imprescindible para que nos sintamos un verdadeiro colectivo. Alégrome infinitamente da súa constitución e do seu bo funcionamento. Só falta que todas e todos nos impliquemos para que teña continuidade e vaia medrando a asociación. Precisamos melloras laborais e ter unha unión que nos permita defender os nosos intereses.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

Eu creo que non debe tutelar pero si apoiar e incentivar a creación, a industria cultural e en particular a música. Desmantelar unha industria que crea postos de traballo e xera riqueza non é boa idea, é unha inconsciencia. E ademais creo que somos unha potencia e que, ao igual que a paisaxe ou a gastronomía, a música é un dos grandes reclamos de Galiza, somos un país de artistas que deberían vivir nun hábitat favorábel. Ao mesmo tempo non debemos descoidar a comunicación co público, atraelo con espectáculos ben feitos, con calidade, en lugares fermosos e ben acondicionados . Abandonar o amateurismo que nos prexudica moitísimo como colectivo e competir no mercado internacional con políticas de exportación que sexan efectivas. Sinto que estamos abandonando esa liña de traballo e debemos perseverar na tentativa de que a nos a música sexa coñecida no mundo enteiro.

 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información