O 20 de Setembro abríamos o prazo de inscrición para a primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax. Nunha semana, máis de 150 grupos e proxectos inundaban todas e cada unha das 13 Categorías que habilitamos para esta primeira edición.
Como era de agardar, as categorías que primeiro comezaron a encherse foron as de Rock, Blues, Funk e Soul (30 proxectos a día de hoxe) , e a de Pop e Indie (28). Pero rapidamente as de Músicas do Mundo (18), Jazz e Músicas Improvisadas (14) e Folque (12), deixaron unha boa mostra dos grupos e propostas que estiveron en activo neste ano 2013. Hip Hop e Músicas Urbanas (11), Música Clásica e Contemporánea (11), Metal (8), Reggae, Ska e Mestizaxe (7), Electrónica (7), e Música Tradicional Galega (5) xa pasaron tamén a fronteira para que as Categorías queden activas e validadas.
Nas bases, establécese que aquela Categoría na que non se inscriban un mínimo de cinco propostas quedará anulada. Realmente é incrible pensar que na primeira semana de vida da Primeira edición, xa estean cubertas 11 das 13 Categorías. As que están arrancando máis a modo son a de Música Infantil (3), e Orquestras, Grupos e Música de Verbena (3).
Como sabemos que en Galicia non hai falta de proxectos nestas tres disciplinas, redobraremos esforzos entre tod@s para chegar a comunicar a existencia dos Premios Galegos da Música Martín Códax ata o último recuncho no que se agoche o último músico. Xa sabedes... toca conxugar o verbo difundir. Eu difundo, ti difundes, el/ela difunde, nós difundimos, vós difundides, eles/elas infórmanse...
Seguimos!!!