Músicos ao Vivo cumpre 5 anos. Rematamos este ano 2013, que bautizabamos como “Ano da visibilidade”, coa sensación de ter cumprida a maioría de idade como Asociación. Os socios e as socias de Músicos ao Vivo temos que ser conscientes de que representamos a un colectivo moi numeroso, heteroxéneo, transcendental e poderoso, que por fin, e grazas ó feito asociativo, ten un foro de encontro, un espazo de reunión, de discusión, e se así fóra, de reivindicación.
Músicos ao Vivo, nestes 5 anos ten implantado o Plan de Regularización Laboral en Galicia, a través do sistema de cotización á Seguridade Social en Cooperativas de Músicos. Ademais, e de xeito complementario, Músicos ao Vivo presta un servizo de asesoramento integral de músicos para músicos, imparte charlas formativas, participa en coloquios e mesas redondas co resto de axentes culturais do Sector e, actualmente, é o interlocutor lexítimo de todol@s músicos galeg@s fronte ás Administracións.
Como ferramenta de cohesión e información entre os socios e socias, dotámonos tamén do noso Boletín, que mantén a información viva, sempre dende o punto de vista da defensa do colectivo de músicos.
E neste pasado 2013, e por se isto fora pouco, Músicos ao Vivo botou a andar por primeira vez os Premios Galegos da Música, que se saldou cunha pegada sen precedentes en todo o sector cultural galego. Algo, que sen dúbida, supuxo unha demostración de madurez, seriedade e lexitimidade indiscutibles.
Agora, en pleno 2014, toca mirar cara adiante e dar co rumbo para seguir sendo útiles ós músicos xa que esta é a nosa única razón de ser. A Xunta Directiva segue traballando para anunciar novas incorporacións, novos plans, novas estratexias e sempre de cara ós músicos galegos en xeral, e @s nos@s soci@s en particular. Grazas a tod@s por estes 5 anos. Seguimos!!!!!
E a primeira data será o Domingo 23 de Marzo ás 17:00 no Auditorio de Galicia, onde teremos a primeira Asemblea do ano. Estades tod@s convidad@s, avisade aos músicos, correde a voz... Será unha ocasión perfecta para permanecer informad@s, renovar compromisos, e manternos en contacto... E, tamén, para tod@s aquel@s interesad@s, e que aínda non son soci@s, que mellor ocasión?
Saúde e música!!!