imaxe da nova

CANTAS HORAS AO DÍA DEBO PRACTICAR?

imaxe do usuario Xestor Xestor
8 marzo 2014

“Practica cos teus dedos e necesitarás todo o día. Practica coa túa mente e poderás facelo nunha hora e media”. Leopold Auer

Parece que despois de moitos anos de “amodiño e boa letra” por fin aparece unha teoría que nos permite saírnos do pentagrama, ou simplemente darlle unha volta. Unha proposta que mestura o verbo “desaprender”, que moitos aprendemos grazas a La Bola de Cristal, co aforismo “coñécete a ti mesmo”.

Son varias as preguntas que seguen á do enunciado. Canto é abondo? Existe algo como “practicar demasiado”?

O virtuoso do violín Jascha Heifetz afirmaba que a práctica excesiva era tan nociva como non practicar nada. Dicía que en pro medio non practicaba máis de tres horas ao día e nunca os domingos. E non é nada desacertado. A idea de descansar un día do noso instrumento permite distanciarnos saudablemente del para liberar a nosa mente e permitir que o noso corpo asimile mellor o aprendido.

O doutor Noa Kageyama, psicólogo da interpretación instrumental, aconsella a práctica deliberada ou consciente. En lugar dun proceso inconsciente de ensaio-erro, propón un proceso de experimentación consciente e activo con obxectivos e hipóteses claras.

Este tipo de práctica pode resultar moi esgotadora, debido á cantidade de enerxía que require manter toda a nosa atención na tarefa musical, por iso recomenda que a práctica diaria non supere os 60 minutos.

Como cada caso é distinto aconsella controlar sempre o nivel de concentración que cada persoa é capaz de soster.

A maiores, o doutor Kageyama dá cinco claves para lograr unha práctica máis efectiva. Define a duración das sesións de práctica de acordo co tempo no que poidas estar totalmente concentrado. Trata de ensaiar nos momentos do día onde tes un maior nivel de enerxía. Emprega un caderno para manter un rexistro dos obxectivos do ensaio e o que descobres durante estas sesións. Busca solucións intelixentes que se adapten ben a ti. Escolle un obxectivo, trata de acadalo, avalía a distancia que te separa co obxectivo e volve ao primeiro paso... ou le o libro de Daniel Coyle The talent code.

Para quen pense que se trata dunha teoría excesivamente científica, que non se desanime. Se o analizamos con normalidade, só se trata de entrar no local de ensaio/habitación, facer as cousas ben e saír canto antes. Pensa que así terás o resto do día libre para mercar ou vender instrumentos por internet... :)

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información