imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA A MARÍA COSTAS. Socia Número 290

imaxe do usuario Xestor Xestor
2 maio 2014

-A carreira artística de María Costas comeza nos anos oitenta. Cres que aquela era unha época mellor para a música?

Cada quen conta a historia como lle vai nela, pero non creo que fosen mellores tempos para a música. Probablemente fosen mellores tempos para a asistencia do público ós concertos. Viñamos dunha etapa na que a canción protesta reunía a antifranquistas nos concertos de Lluis Llach ou Paco Ibañez, nos que emerxía a reivindicación da cultura popular con Voces Ceibes, ou Fuxan os Ventos ou  a música progresiva de Pau Riba ou Sisa. A ruptura que supuxo o Punk tamén conseguiu arrastrar a todo aquel que tiña sede de vangarda. Probablemente había músicos peor formados que agora, peor son e era moi difícil dar a coñecer a túa música se non saías en Radio 3. Pero si había unha gran curiosidade por parte do público e unha gran paixón por parte dos que faciamos música. Na actualidade hai moita madurez e unha gran evolución. A fusión pariu sons marabillosos e a aparición de internet deunos acceso a músicas que de outro xeito non chegaríamos a coñecer. Por outra parte, a calidade dos músicos na actualidade, a variedade facilitada pola incorporación de músicos doutras culturas, tamén permitiu desenvolver estilos que nos oitenta estaban en estado embrionario. O peor desta época é que a crise afectou moito á asistencia do público ós concertos, pero esa non é a única causa.

 

-O teu traballo repártese entre o teatro e a música, moitas veces dun xeito simultáneo, que cantidade de teatro podemos engadir a unha representación musical?

No meu caso moita. Unha canción é unha pequena historia na que trazas un mapa, un camiño. Igual que no teatro hai un ‘quen son’, ‘que quero’, ‘a quen llo estou contando’, ‘que quero conseguir’… Hai un principio, un camiño, un desenlace, un punto de vista. Unha paisaxe de fondo, un compromiso emotivo. Non é un traballo tan distinto.

 

- “Lola”, un dos temas que atopamos no repertorio de Eliela, dúo musical no que tamén está José Churruca, fala dunha muller galega traballadora. Como é esta muller no mundo musical? Ten que  esforzarse tanto?

A muller sempre se ten que esforzar mais en todo. Hai sempre ese prexuízo latente de que o que nós facemos é de segunda. Eu teño a sorte de traballar co meu compañeiro tamén na vida e afortunadamente sempre me sentín valorada e respectada pola inmensa maioría dos compañeiros masculinos cos que traballei. Pero ó longo destes anos ás veces tamén tiven que utilizar o vello truque de ‘acórdaste de aquelo que me dixeches de…’   Tiven que disfrazar de allea unha idea propia.  E traballando coma docente escoitei historias tristes de mulleres cantantes que sobreviven nun mundo de homes, especialmente en determinados ambientes -orquestras- nas que son pouco máis que un ornamento. Afortunadamente as cousas tamén cambiaron moito e mulleres como Sés, Mónica de Nut, Uxía, Iria Estévez, con determinación, calidade e fortaleza van construíndo un panorama moi favorable para a igualdade e no que xa non hai marcha atrás.

 

-Que che moveu a facerte socia de Músicos ao Vivo?

A esperanza de que un gremio coma este por fin consiga unirse para conseguir acadar dignidade. Os actores temos unha asociación que defende os nosos dereitos, que traballa para conseguir manter as conquistas. Isto sempre foi unha materia pendente para os músicos. Eu xa formei parte de intentos anteriores e sempre pasou que nos fixemos o harakiri. O resultado é que as condicións de traballo son precarias e a consideración profesional lamentable.

 

- Como imaxinas o futuro da música?

Eu son optimista. Creo que os medios están cambiando a moita velocidade, as plataformas para distribuír a propia música transformaron absolutamente o panorama discográfico. Pero é moi importante frear o proceso de banalización da música. Agora mesmo hai música en todos os lados, no dentista, no ascensor, nas tendas de roupa, nos coches… Está tan presente que non existe. As políticas ou faltas de políticas culturais acostumaron á xente a non pagar por ela, o Youtube a non asistir ós concertos. Se queremos que o futuro da música sexa mellor os músicos temos que traballar por el e non esperar a que alguén o solucione. Temos que respectarnos, non regalar o noso traballo, mollarnos, constituír cooperativas…eu que sei. E ofrecer traballos interesantes e coidar os concertos.

 

- Cres que é importante estar presente nas redes sociais para ter máis presenza e tratar doutro xeito co público?

Si, eu creo que é fundamental o impacto das redes sociais para crear un perfil. Ás veces vemos e escoitamos por primeira vez o traballo dun músico ou dun grupo e esa primeira impresión xa determina a filia ou a fobia. Hai que usar as redes e plataformas sociais, e usalas ben.

 

- De que saúde goza o circuíto da música en directo nos locais nocturnos?

Pois está cada vez mais doente. Están desaparecendo cada vez máis locais e moitos dos que quedan non garanten nin sequera un mínimo, de modo que tes que arriscar indo a billeteira, adiantando gastos de desprazamento, facendo ti mesmo a publicidade, ‘tirando’ dos coñecidos da zona… Malia todo quedan algúns heroes que manteñen unha programación moi digna e traballan para manter unha condicións dignas nos concertos. Pero urxe que os músicos empecemos a argallar mecanismos para a supervivencia deste circuíto, porque ninguén nolo vai solucionar.

 

- Poderemos escoitar pronto un disco cos temas propios de Eliela?

Si! Moi prontiño, o disco xa case está rematado. Faltan os baixos, algunhas percusións e as mesturas. Case todo o traballo da gravación o está facendo Jose porque a min coincidiume unha racha de traballo como actriz. Estamos moi ilusionados porque o maior problema que temos foi decidir cales quedaban fora, dada a cantidade de material que reunimos entre os dous. Así que creo que xa está garantido un segundo.

Por certo, estaremos presentando o proxecto o día 24 de maio en Coruña, na Tuerka.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información