¿Que te animou a facerte socia de Músicos ao Vivo?
-Coñecía a asociación dende había tempo, e coñecía os membros que a representan, son músicos con experiencia e con ganas de levar a cabo accións pola mellora das condicións do noso gremio na Galiza. Xa levaba un tempo por inscribirme, case cada vez que recibía o mail das noticias. Pero foi en realidade cando presentei o meu proxecto aos Premios Galegos da Música que xa non tiven escusa ningunha, xa tardaba.
Nos primeiros Premios Galegos da Música estabas nomeada na categoría de Hiphop. Que impresión tes desta primeira edición?
-Penso que estivo pouco apoiada polas institucións, polos medios, e sobre todo pouco polo propio gremio e o público. Pero tamén é certo que os inicios son duros, e a proposta levouse a cabo da mellor maneira posible, palpable o esforzo. A organización foi boa, claro que sempre se pode mellorar nos detalles e sobre todo nas votacións: considero que ese método non era o máis acertado; claro que é unha consideración dende o meu punto de vista, que vou dicir eu!! XDXDXD Non, pero o certo é que os meus cálculos xa non daban, era normal, tampouco creo que as categorías de grupos e solistas teñen as mesmas posibilidades, é lóxico, matemática, pero aínda así, a verdade que sentinme moi valorada, tamén como muller, xa que notamos a baixa participación de artistas e grupos femininos; e podemos dicir que ningunha muller gañou un premio de música na súa primeira edición (algunha estaba dentro de grupos de gaitas e coros... algunha que era músico dalgún grupo... pero 1 ou 2 como moito).
Pero ben, quitando as "rabias" fíxome moita ilusión estar nomeada, vivir eses momentos de tensión, e formar parte dese instante en que todos sentiamos que eramos importantes, o recoñecemento dos outros músicos, e dese proxecto que espero que poida converterse nuns premios de gran relevancia para Galiza.
Como muller e artista, de que xeito se vive o mundo da música?
Con rabia... Non, estou a brincar,... a verdade que é complicado xa de por si e nestes tempos conseguir sobrevivir case en calquera área, nós os artistas, xa levamos en crise uns cantos anos, pero se es muller aínda súmaslle un plus de dificultade; a descualificación do teu talento, a idealización do que tes que ser, e a desvalorización á hora de negociar. De son, que vas saber? de música que vas saber? de producir? Hahaha, non me fagas rir... Idealización, porque se despuntas un pouco xa pensan que como es muller telo máis doado... e se contaxia esa crenza na sociedade, cando é todo o contrario. Agora mesmo estamos vendo como nos festivais predominan grupos masculinos mentres hai 1 ou son 2 as artistas femininas, se é que as hai (véxase Viñarock 2014, por exemplo). Parece que para tocar como muller ten que vir a consellería a poñer os cartos para facer un festival feminino... É ridículo, vamos!!
É certo que empezaches a cantar e escribir cancións dende preescolar?
Pois si, era eu moi precoz para expresar os meus sentimentos. XDXD Gustábame moito cantar as letras que eu escribía, aínda conservo algunhas da escola.
Para quen son as cancións de Wöyza?
Son para o mundo, sen idade, sen nacionalidade, sen enredos, para tod@s @s que abren o seu corazón e a súa alma e deixan entrar parte da miña e da colectiva.
No ano 2008 sacabas o teu disco “Pisando el suelo que ves” gratuitamente na túa web. Que foi o que te levou a tomar esta decisión?
Ás posibilidades económicas e discográficas que tiñamos en LicorKafé para promocionar o meu traballo dende Vigo eran moi escasas, así que para alcanzar unha proxección maior, e tendo en conta que non soamente era difícil mover o material discográfico por tendas e demais, senón tamén a maneira de controlar esas vendas, pois a única plataforma que tiñamos era internet. De forma gratuíta e pola rede saíu o álbum e, para os amantes do vinilo, unha edición limitada a 550 copias, que está esgotada e repartida polos 5 continentes, tanto é que sabemos que superamos en 2010 o millón de descargas dende www.woyza.es, e que hoxe en día seguen descargándose o álbum dende tódolos países do mundo, tendo unha gran repercusión na miña carreira, xa que me permitiu viaxar a moitos países e colaborar con artistas da talla de Nach, Rapsusklei, Shotta, Dealema...e incluso doutras músicas e en directo con Carlos Nuñez, Anxo Lorenzo ou Bomba estéreo.
Define “Coro Gospel” dende o punto de vista de Wöyza.
Supoño que é para tirarme da lingua, e que fale de V-go! Negro Son Coro.
Dirixo este coro de música negra dende fai ano e medio, e podo asegurar que me cambiou a vida, en case tódolos sentidos. É unha experiencia de formación vital, musical, (espiritual) e profesional. Neste proxecto teño aspiracións diferentes, axúdame a potenciar outras capacidades, miñas e as de outros, de forma recíproca, superarme e facer un percorrido cara o auto coñecemento. Paciencia, disciplina, diversión, compartir, compañeirismo, ilusións, gustos musicais, paixón e sobre todo ALMA, moita alma...
Rodeada de persoas marabillosas, V-go! é un coro de Soul aínda que facemos Gospel, Reggae, RnB... para min Son agora mesmo un alto porcentaxe da miña felicidade!!
Como se presenta o 2014?
Feliz, non? :D. Estou preparando novas cancións e producións, para 2 traballos moi diferentes. Dende a Wötown, que é o nome do meu selo persoal, estamos traballando nas contratacións, cerrando datas, traballando moi duro para levar este novo formato de hiphop-soul acústico (a piano, beatbox e un coro de 4 voces) os escenarios de España e Portugal presentando temas novos e músicas do álbum anterior reversionadas, e o mesmo estamos facendo con V-go Negro Son Coro co que tamén xa hai algunhas datas marcadas e este ano esperamos estar de "estrea de material", estamos preparando algo moi bonito, con moito agarimo, e con grandes profesionais, algo que esperamos guste e amose realmente o que é V-go! E para non aburrirme manterei a xira que comecei co grupo portugués de hiphop os Dealema, que por sorte seguen a contar comigo para os seus concertos.
Non descanso, pero intento ser feliz traballando, que tamén é un arte, a máis dificil. :-)