- Como foi a experiencia de sacar o voso disco Vagalú por medio da financiación colectiva?
A financiación colectiva é un medio bastante bo para as bandas que están comezando, como a nosa, que non dispoñen de moitos medios económicos. Ademais é un bo xeito de deixar participar á xente nun proxecto que dese xeito tórnase máis colectivo.
- Xunto con outras bandas formades parte de Discos da Máquina, como está sendo esta experiencia?
A experiencia de traballar con DdM é máis que positiva, xa que contamos co apoio das nosas compañeiras non só no ámbito mutuo da cooperación material senón tamén na pervivencia dunha rede de apoio humano e dunha mestura e reciprocidade creativa necesarias para enriquecer a proposta da que nós partimos.
- O público pode e debe bailar as cancións de Vagalú; como están a ser os directos?
Os temas de Vagalú están pensados como unha achega directa ó público con partes bailables e outras quizais máis experimentais que rompen esa achega. Actualmente estamos comezando os concertos coa nova formación e a resposta está sendo bastante positiva.
- Podemos dicir que hai unha fractura entre os vosos traballos anteriores e Vagalú?
Nós non rompimos co anterior senón que mesturamos o que xa tiñamos con outras influencias estilísticas máis propias do rock ou o indie, como son o noise ou o shoegaze, a partir de capas de ruído de sintetizadores, pedaleiras de ruído... sumando a presencia da voz, guitarra e batería. Sempre hai cambios na evolución dos grupos, é algo inherente, ou evolucionas ou te estancas repetindo as mesmas fórmulas. Nós preferimos facer de cada tema unha aventura, na procura de novos sons, novos xeitos de chegar á xente.
- É complicado o camiño de fuxir da electrónica para volver a ela? ;)
XD, dito así quizais pode parecelo, máis cando a busca sonora prodúcese dende as zonas limítrofes dos diferentes estilos, neste caso partindo da electrónica, existe unha fuxida inmanente na procura de influencias alleas e unha nova achega ó introducir os novos elementos no noso eido de partida.
-O vídeo ten un papel fundamental nas vosas actuacións ata o punto de envolvelo todo. A fusión de disciplinas é o futuro da música?
Para nós si. O vídeo ten a vantaxe de que fas que a xente viva a música dun xeito máis inmersivo, máis tamén ten o inconveniente de que en ocasións pode distraer do realmente importante, que é a música. É un equilibrio complicado, máis aí estamos.
- Como se viven os Premios Galegos da Música cando se está nomeada/o?
Con moita emoción e moitos nervios. A verdade é que quedamos moi sorprendidas de estar nomeadas, apenas levábamos dous meses co proxecto e foi un feedback moi positivo. Axudounos a coñecer a moitos músicos, proxectos que descoñeciamos. É incrible a variedade de propostas moi ricas a nivel musical das que non tiñamos nin idea da súa existencia. Os Premios da Música serviron para visibilizar a moitas bandas que só tiñan repercusión en eidos moi restrinxidos, como pode ser o noso caso.
- Por que motivos debería unha persoa asociarse a Músicos ao vivo?
O asociacionismo é a alternativa lóxica nun momento no que todas as antigas estruturas, por dicilo dalgún xeito, foron caendo coa escusa da crise. O que adoitamos chamar crise económica tivo efectos devastadores para a cultura, falta de inversión, pouco compromiso institucional... máis tamén levou a que a cidadanía organizase novos eidos de cooperación, redes de apoio, etc... que dalgún xeito sempre estiveron aí pero que viviron un gran impulso coa nova situación. Músicos ao Vivo é unha iniciativa moi necesaria que está a dar un gran impulso á música galega.