-En internet podemos atopar esta descrición: “Nelson Quinteiro (Cangas do Morrazo, 1979) é actor, director de escena, bailarín ou cantante que vive no coruñés barrio de Montealto dende hai máis de 10 anos.” Que hai en Montealto para que proliferen tantos músicos? Como se porta a administración pública da túa cidade cos artistas?
Hahahahaha! Terei que actualizar a información da internet, porque actualmente xa non moro en Montealto! Precisamente polo mal que se porta a administración cos artistas e iniciativas locais decidín volverme ó meu berce, Cangas do Morrazo, onde tampouco andamos nada mal de artistas e hai unha vida cultural do copón (Salasón, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, Canjazz, O Rincón Taberna, Cangas Vella, etc...)
Vivín en Montealto unha década, o suficiente, coido, para considerarme fillo adoptivo da cidade, no que foi un estoupido de actividade creativa e cultural, da que tiven a honra de formar parte.
A labor de María Xosé Bravo á fronte da carteira de cultura, de Agustín Lorenzo no IMCE, ou de Natalia Balseiro no Centro Coreográfico Galego converteron á Coruña na vangarda cultural de Galicia sen lugar a dúbidas. O Festival Manicómicos, o Festival Super8, o FreakMazine, o Viñetas dende o Atlántico, o Culturgal, Achegarte, Nova Galega de Danza, o Centro Coreográfico Galego ou, como non, o Festival Galego de Cabaré ou a Compañía Femme Fatale naquela etapa fixeron que vivir na Coruña ben pagase a pena.
Mágoa que o actual staff de cultura estea a volver a meter á Coruña nas catacumbas culturais. E nos xulgados!
-Como músico gustas de mesturar a música tradicional con pedais de loop, delays ou samplers, como naceu en ti esta necesidade?
Comecei a traballar cos loops despois dunha conversa con Óscar Fernández, en 2007. A verdade é que é un traballo complexo pero moi agradecido e versátil. Lembro espectáculos como “As Mans Perdidas” ou “Danza e Contradanza”, xunto a Iván Villar, con espectadores/as chegando a tal punto de emoción que acababan chorando bágoas como puños. É parte dun proxecto de longa duración que considero me convirte nunha proposta ben singular dentro do panorama musical galego. A tradición coas posibilidades que ofrece a tecnoloxía. O ser orixinal partindo das orixes que pregoaba Isaac Díaz Pardo.
- Despois de grupos como Cabesa de Pau, Liñaceira ou Maghúa Pandeireteiros ou espectáculos como "As Mans Perdidas" e "Danza e Contradanza", chega “Gharbo!”, a quen podemos encontrar dentro deste proxecto?
Gharbo! Foi unha co-produción co Centro Coreográfico Galego no que contaba cos bailaríns Iván Villar e Pastor Rodríguez Feal (Ballet Galego Rey de Viana, Nova Galega de Danza, Entrecaixas...) e músicos da altura de Ricardo Rozas “Richi” á guitarra (Faltriqueira, Nova Galega de Danza) ou dos máis grandes do panorama musical galego, como Suso Vaamonde Manteiga á zanfona ou Xosé Lois Romero ó acordeón.
Como proposta artística estivo xenial, pero a verdade é que a súa amortización e percorrido non estivo á altura da envergadura da montaxe.
Logo chegou o dísco “Orquesta Gharbo!”, na que xa por medio do crowdfunding e con máis calma creamos un disco fabuloso da man de Álex Lorenzo (guitarra), Fran Castro (piano), Pulpiño Viascón (serrucho, zendrum), Eduardo Méndez "Dubi" (saxo, traveseira), Silvia Penide, Xandre Outeiro (zanfona), María López “Faltri” ou mesmo un coro de homes da charanga “Os Estalotes”.
- Para os directos tedes dous repertorios, en que consiste cada un?
Temos un repertorio baseado na polifonía e os pedais de loop, de corte máis intimista, cunha posta en escena e de iluminación plenamente teatral. Son temas que falan da intrahistoria galega. Dos emigrantes, das conserveiras, dos traballadores do mar, dos labregos.
Logo temos un repertorio moito máis festivo e festivaleiro, onde nos botamos ao pasodobre, á rumba e á muiñeira, e ata rescatamos temas de Pulpiño Viascón en grupos como “O Jarbanzo Negro”.
- Para sacar o disco “Orquestra Gharbo” recorriches ao micromecenazgo, como valoras esta experiencia?
Positiva, sempre. Non hai nada que teña feito do que non me sinta satisfeito. Esta é unha carreira de longa duración, unha escalada chanzo a chanzo, unha continua aprendizaxe.
No caso do crowdfunding a experiencia foi xenial, mais sinto que ao fin de contas consistiu en muxir de novo á mesma vaca. A vaquiña de sempre. Ás amigas e amigos, á familia, á xente máis próxima, que te segue, te aprecia e te valora, que vai aos teus concertos xa case por compromiso, que te arroupa.
Coido que o crowdfunding está moi ben pero non deixa de ser un parche.
Nós xeramos ben cultural, ben social, calidade, tecido empresarial e industrial. Nóminas!
Onde están as administracións? Onde está o apoio á “cultura emprendedora”?
Eles e elas manexan os noso cartos á súa vontade. Estou farto de pagar impostos para que os meus cartos vaian ao presebe dos amiguetes, das castas, das catro familias de sempre. Fun autónomo durante máis de sete anos, e síntome co pelo máis que tomado.
- Unha parte importante da túa vida creativa é o cabaré. Este ano celebrouse o 8º Festival Galego de Cabaré, do que es director, como ven sendo a traxectoria do festival? (o público, os artistas, a temática... a música ao vivo...)
O Festival Galego de Cabaré naceu forte e viviu unha expansión moi potente durante os anos de apoxeo cultural na Coruña. Convertémonos nun referente en toda a península, tendo o seu punto máximo no ano 2009 e 2010, contando con espectáculos gañadores de importantes premios en festivais tan relevantes como a Fira de Tárrega ou a Umore Azoka de Leioa.
Convertémonos nunha cita ineludible da vida cultural coruñesa, cun público potente e consolidado, e unha grande calidade de propostas sobre as táboas, chegando ás rúas, ós locais, ós teatros. Rexistramos importantes cifras de aforo no Fórum Metropolitano ou nos locais nocturnos, enchemos o Teatro Rosalía de Castro durante cinco anos consecutivos, e convertámonos nun ruxe ruxe local.
A partir da chegada de Ana Fernández á concellaría de cultura comezou o seu declive, ata o punto de chegar a desaparecer no ano 2013, tras varias tomaduras de pelo.
Este ano rexurdimos das cinzas por medio da autoxestión, por medio de vontade e imaxinación, e a colaboración do Teatro Colón. Sen embargo debo dicir que malia que a calidade das propostas foi inmellorable, o rexistro de espectadores foi bastante mellorable.
Isto colócanos nunha encrucillada incerta. A súa continuidade, a día de hoxe, dependerá das administración e, sobre todo, do público, que desta vez non nos acompañou como en anteriores edicións. A crise é tamén crise moral.
Ver como espectáculos de corte máis ben baixo enchen os teatros por traer a monologuistas televisivos namentres outros de moita máis envergadura e esforzo local fican con cifras modestas é un golpe moral que dá ganas de mandar todo ó corno. Prefiro ser sincero.
- Dinos unha razón pola cal unha persoa debe asociarse a Músicos ao Vivo.
Pois porque a xuntanza e a unión fan a forza. Porque constitúe un paraugas legal e de contratación moi interesante. Porque traballa, porque difunde as nosas creacións, porque deu en armar uns Premios como os Martín Códax, que eran necesarios como auga de maio. Porque loita polos nosos dereitos. Porque si. Por que non?