imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Cool Funeral (Juanma Ons, socio núm. 189)

imaxe do usuario Xestor Xestor
3 novembro 2014

-Que tiñades na cabeza cando montastes a banda?

O Juanma e eu (David), falamos unha noite de montar unha banda. Eu tinha ganas de facer algo onde puidera berrar moito e que se inspirase no blues, algo que fose cara ás raíces de certa música negra, pero percorrendo tamén estilos máis contemporáneos como o punk ou o grunge, moi presentes nas nosas influenzas. Así que liamos a Lucas Fernández para tocar a batería, e a Sebas Romero, o noso primeiro baixista. Despois tocou o baixo Brian Moure e agora temos a honra de contar con Alexandre Ocampo, que é un pedazo de baixista tamén.

 

 - Os compoñentes de Cool Funeral traballastes xuntos anteriormente nalgunha ocasión?

Si. Lucas e Juanma tocaron xuntos na primeira época de Phantom Club e Alexandre e eu tocamos xuntos en Void, hai xa uns dez anos.

 

-Como reacciona o público no directo ante as vosas cancións?

 A verdade e que o público está a reaccionar moi ben. O noso directo está cheo de forza, enerxía e distorsión. E pensamos que a xente ten ganas de que se lhe dea algo así. A tempos duros, música dura.

 

- Nas letras das vosas cancións atópanse alusións a cuestións de xénero, algo non moi habitual no rock interpretado por homes. A que se debe esta preocupación?

Débese a que María, que é a minha parelha (David), é feminista, e grazas a ela descubrín a xente como Laura Bugalho, Beatriz Preciado, Maria Llopis, Itziar Ziga e moitas outras feministas. Os seus libros, os seus discursos e o trabalho de grupos como Maribolheras Precàrias, Lerchas ou Mulheres Transgredindo son moi inspiradores.

Trátase de facer unha desidentificación crítica, como di Beatriz Preciado, coa nosa condición de homes brancos, heteros e occidentais e co patriarcado e o machismo que temos troquelado na nosa identidade.

Por iso trato de escribir, con respecto e empatía, sobre as persoas que están discriminadas por cuestión de sexo, xénero, clase social ou procedencia.

Este discurso pode parecer unha impostura ou caer nalgunhas contradicións pola nosa posición privilexiada como homes pero prefiro arriscarme a intentar facer ese exercicio de desidentificación crítica antes que escribir cancións sobre o amor romántico ou sobre os desvaríos egocéntricos do home branco. E tentar deixar de facer rock dende unha perspectiva tan androcéntrica.

 

- Unha das vosas cancións máis coñecidas di o seguinte: Hey señor, quiere usted que coja mi pistola y se la meta por el culo? (...) / Pues si usted no quiere que se lo hagan, / Por que lo hace usted? / Porque soy una mujer? / Pues tome! / Este rocanrrol no es para machitos (...).

Cal foi a fonte de inspiración para escribir este tema?

Escoitando unha entrevista a Chavela Vargas contaba que unha vez, estando no banho dun bar, creo, un tipo abriu a porta e quedouse diante dela. Chavela díxolhe que se largase e o tipo non lhe fixo caso, entón ela sacou unha pistola e pegoulhe un tiro nun brazo ou nunha perna. Esta é a anécdota de onde sae a primeira frase da canción, despois viu o resto. De fondo está a cuestión de que sucedería se as mulheres asasinasen ou maltratasen aos homes, como nós facemos con elas. Imaxinade que sucedería se no Estado Espanhol fosen asasinados 60 ou 70 homes ao ano polas súas parelhas ou ex-parelhas.

 

- Porqué considerades importante que un músico se asocie a Músicos ao Vivo?

  Trabalhar xunt@s para conseguir melhores condicións laborais é fundamental

 tal como está o panorama para a maioría da xente que nos dedicamos a tocar. Por iso pensamos que son necesarias asociacións ou calquera outra plataforma onde facer colectivo.

 

- Estades satisfeitos co trato que a administración pública proporciona ao músicos?

As administracións, ou melhor, certas políticas que fan certas persoas dende as administracións son de maltrato continuado, non só para coa xente da música, senón con toda a cidadanía en xeral, todos os sectores sofren este maltrato.

Con respecto ao sector da música, aínda que tamén noutros, hai que buscar alternativas non convencionais como o Festival Itinerante de Verán, un festival xestionado e organizado totalmente pol@s artistas que participamos nel en colaboración cos espazos que se interesan por acolhelo. Aí estamos nós participando xunto con DandyLady, Camarada Nimoy, Carina Posse, Alfeizar e Cinta Adhesiva. Imos celebrar a segunda edición o 15 de novembro nas instalación de Alg-a en Valadares (Vigo), que se prestaron a acolhernos. A idea é ir convidando a artistas que queiran incorporarse, e nesta ocasión convidamos a João Tomba.

Tamén pesamos que certas salas fan un enorme esforzo por facer programacións de calidade que non sempre son rendibles e que as administracións non lhes facilitan o trabalho.

Tamén temos a impresión que as administracións destinan máis recursos aos festivais grandes, que tenhen moito público, pero que non é xente que logo acuda habitualmente a salas a ver concertos.

 

- Para cando un disco de Cool Funeral?

Pensamos comezar a gravar en decembro, así que igual cae algunha panxolinha.

Temos o «No Güei» gravado en estudo e catro temas en directo que podedes ver na nosa canle de youtube.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información