Hai un par de semanas, o Congreso en pleno mostraba o seu respaldo á inclusión do ensino do xadrez na escola primaria como ferramenta perfecta para aprender a pensar e transmitir valores. Por suposto, non dubidamos dos beneficios que esta disciplina pode aportar, que son moitos, pero todos eses valores vense amplamente superados polos que a práctica da música pode aportar. Son innumerables os estudos centíficos e traballos que apoian esta afirmación. Non obstante, a música é unha materia que está sendo pouco a pouco desmantelada, e no mellor dos casos, só apoiada ou utilizada politicamente de forma puntual e con fins electoralistas.
Desgraciadamente, parece que os políticos que deciden que o xadrez é a panacea que nos colocará á cabeza do informe PISA, aínda non se pararon a pensar para que serve a música. E non nos referimos á que fan Enrique Iglesias ou Mario Vaquerizo, se non á que ensina a pensar, a crear, a poñer en común, a consensuar, a tomar decisións, a improvisar…
Cada vez son máis numerosos os exemplos de sistemas onde o impacto dun ensino musical ben planificado e ao alcance de todos os nenos e nenas é moi significativo. Pero os pasos que seguen as políticas que hoxe rexen o discorrer da nosa cultura non son os correctos para que Galicia fose referente neste aspecto. Sirva coma exemplo do que se debería comezar a facer o artigo de Marcos Lorenzo en Praza Pública (http://praza.gal/opinion/2350/por-unha-nova-politica-cultural-en-galicia/), demandando unha nova política cultural e sinalando un camiño que parece discorrer por lugares ben distintos aos que @s nos@s polític@s contemplan.