- Este ano La Tronka Jazz Quartet cumpre 18 anos nos escenarios. Cal é o balance que facedes a estas alturas da historia do grupo?
Dende a perspectiva dos motivos que nos levaron a crear La Tronka, que son os mesmos que case tódolos grupos que coñecemos, o balance non pode ser máis negativo... nin sexo, nin drogas, e rock and roll, ás veces. Non obstante, despois de case 20 anos xuntos, que nos sigamos divertindo co que facemos, di moito do nivel de esixencia que temos con nós mesmos.
- Por que bautizastes con ese nome á vosa formación?
Fundamentalmente porque o nome expresa o que non somos, e iso fainos graza. Non facemos jazz (pero si moita improvisación), non somos catro, e o concepto de tronka é como nós bautizamos ao "palm mute picking" das guitarras.
- Que plans musicais ten La Tronka para o 2015?
Encántanos que nos fagas esa pregunta! Pois estamos inmersos na gravación de dous novos videoclips, baixo a dirección de Xabier Jácome que serán a carta de presentación dos novos temas de La Tronka, "Matxote" e "Tu vieja me pone", onde foi un orgullo para nós que participara na gravación o rei do Wachu-Wachu "Tony Lomba", e que tamén participa no video xunto coa gañadora do Mestre Mateo 2014 á mellor actriz, Sabela Arán. Un luxo.
Ademáis, estamos inmersos no lanzamento da nosa nova xira (cos temas de sempre) "Pa que discutir si lo podemos arreglar a hostias", así que se algún garito está interesado, chamade!!! que somos limpos e boa xente.
- As vosas letras deberían levar a advertencia de “parental advisory”?
As nosas letras non deixan de ser letras cun altísimo contido en ironía, humor e irreverencia. Polo tanto, están simplemente pensadas para pasar un bo intre, e ter a capacidade de poder rirnos absolutamente de todo. Así que máis que levar a advertencia de "parental advisory", pensamos que debería levar unha advertencia de "Only for tolerant persons and animals"
- Cal é a vosa opinión sobre os Premios Martín Códax da Música ?
Calqueira iniciativa que fomente e recoñeza a creación e a calidade da música, sen encastelamento nun estilo concreto, e que se realiza en Galicia de xeito independente parécenos ben, e máis nestes tempos onde a cultura está defenestrada, un proxecto a apoiar e ter en conta. Unha aposta arriscada e comprometida que hai anos que debería ter existido.
Falta darlle un premio á Tronka para consagrarse coma a grande alternativa ós premios Grammy... e non decimos máis!
- Que pensa o público de La Tronka?
Cremos que esa pregunta teriades que facerlla directamente a eles. Non obstante, estamos convencidos de que o que pensan é en ter unha noite salvaxe tipo "50 sombras de Grey". (Risas)
- Na vosa opinión, por que un músico debe facerse socio de Músicos ao Vivo?
Polo carnet de socio, que da moito caché cando o ensinas!... e entras nos reservados dos locales pola porta grande.