imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Tu mujer nos engaña

imaxe do usuario Xestor Xestor
9 xuño 2015

- O 10 de xuño do presente ano o grupo “Tu mujer nos engaña” presentará o seu novo traballo, “Malas Línguas”, no que levan traballando nos últimos dous anos. Como foi este proceso?

Foron 2 anos longos e suorentos, onde había días en que todo parecía vir rodado e ter trazas de que ía encamiñado, mentres que noutros era coma un pesadelo recorrente, onde a meta sempre está á vista pero parece alonxarse canto máis te achegas a ela. Pero unha vez tivemos o resultado final nas nosas mans, vimos que todo isto pagou a pena.

- Ides sacar un cuádruplo CD, algo non moi habitual ou posible, que podemos atopar nestes catros discos?

Pese a que soe a topicazo, “Malas Línguas” é o noso caos. Son as nosas orixes, a historia dun crecemento persoal e profesional.  Son 40 temas cargados de variedade, emocións e de anécdotas que os fan especiais, polo menos para nós, e agora esperamos que tamén para o público que se anime a mercalo e escoitalo. Ademáis, outra das cousas que tiñamos claras antes de comezar este proxecto tan grande, era que queriamos que chegase ao máximo de xente posible, por iso, o prezo de venda do cuádruplo CD son 10 €, que pensamos que é un prezo moi asequible, vendo os tempos que corren.

- Unha chea de colaboradores participan en “Malas Linguas”, (compoñentes dos Suaves, Siniestro Total, Reincidentes, La Pegatina, etc.) como se consegue este equipo tan numeroso de colaboracións?

Cando apostas por algo grande, sabes que o tes que dar todo porque che van esixir o mellor. Foron moitas chamadas, botar man de amigos e coñecidos, moitos “por favor” e “grazas” e nunca darse por vencidos ante un “non”. Dende o primeiro ao derradeiro, todos os compañeiros que pasaron polos nosos estudios Xonix Records da Bandeira, ou cos que fixemos as gravacións noutras cidades, como Barcelona, Sevilla ou Ciudad Real, para todos eles non temos máis que verbas de agradecemento por axudarnos a sacar adiante un proxecto tan grande e ambicioso, que despois do “…estades tolos” inicial, fixeron posible que todo isto saíra adiante.

- Que esperades deste novo traballo? Tedes en mente algunha xira de presentación?

Somos realistas, sabemos que o mundo da música é moi duro, e máis aínda como está todo hoxe en día, dende o IVE cultural desmedido, trabas en moitos sitios para a música ao vivo, mingua nas axudas…, un pobo que non coida a súa cultura é un pobo sen identidade, pero nós non perdemos a esperanza. Comezaremos presentando “Malas Línguas” nas principais cidades da Galiza e a nivel estatal e, máis adiante, todo pode ser, pero o primeiro é dar a coñecer este traballo no que puxemos tantas esperanzas.

- Por que o nome de “Tu mujer nos engaña”?

Comezo a crer que nin eu mesmo me lembro de como xurdiu o nome, aínda que fose unha proposta miña. Gústanos deixar esa resposta no aire para que cadaquén saque as suas conclusións.

- A finais do 2014 recibistes por parte dunha emisora de radio portuguesa o encargo de facer unha versión rock do tema “Grândola Vila Morena”, que significou para vós esta petición?

“Grândola Vila Morena” foi, máis aló do orgullo que xa se presupón, todo un reto. Existen moitas versións deste himno, e non é fácil ter nas túas mans os acordes dunha revolución e que guste a todo o mundo. A inestimable colaboración de Piti Sanz, un padriño para nós, foi clave para poder conxuntar versos e melodía e poder quedarmos, esperamos, á altura das expectativas. Agradecer tamén á Câmara Municipal de Vila Nova da Cerveira (Portugal) que nos convidaran este pasado 25 de Abril, no 40 aniversario da revolución dos caraveis, a gravar un vídeo da canción nesa vila irmá, e en especial para mín, xa que, o día da revolución, cando eu contaba só 3 anos, estaba cos meus pais en Portugal, así que, en certa maneira, vivín un momento histórico.

- Por que pensades que é necesaria unha asociación coma Músicos ao Vivo?

A eterna batalla da música contra a ignorancia e a incomprensión, atopa en asociacións coma “Músicos Ao Vivo” unha plataforma de comunicación, de contacto e de visibilización. Sen este tipo de soportes, de canles de contacto, o pouco que nos están deixando medrar aos músicos veríase reducido a cinsas.

 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información