imaxe da nova
Institucións amigas

3º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 febreiro 2016

Estamos de volta e xa van tres edicións deste certame que hai nada era un soño e hoxe é unha realidade consolidada sen a que ninguén concibe xa o panorama musical galego. Como era posible que non houbese uns premios da música galega? E máis aínda neste momentazo musical que estamos a vivir? Moitos de vós seguramente lembraredes como naceu este certame, pero aínda así queremos recordalo.

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, naceron hai tres anos, nun momento no que a música galega rebordaba creatividade musical pero adoecía de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado -asunto nada sinxelo- moi probablemente se revelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega. Dende esta perspectiva, o certame formulouse cuns obxectivos que ían moito máis alá da autosatisfacción e o autobombo dos músicos, para sumarse a esa idea de facer país na que tantos axentes traballamos a diario:

- Recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas. Revelar novos talentos da escena musical galega e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.

- Facer rendible o potencial da nosa música. Músicos ao Vivo é consciente do tremendo potencial que a música galega ten, e temos presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia non chega a todos os sectores da poboación tal e como debería. Músicos ao Vivo entende a música galega dun modo aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza. Cremos que era o momento de facer sentir a presenza do sector produtivo con máis potencial dentro da cultura galega, e de sacar del toda a rendibilidade que é quen de producir.

- Facer visible a todo un sector. Nas dúas edicións celebradas ata o momento, o certame conseguiu darlle visibilidade a case 900 proxectos musicais, que seguen accesibles na web www.premiosgalegosdamusica.com, a través da que se difundiu o traballo de todo un colectivo de creadores, toda unha industria, e toda unha comunidade comprometida coa cultura musical galega; converténdose sen pretendelo na plataforma de música galega máis importante ata o momento.

Este ano entregaremos os nosos Melómanos na primavera. En 2015, a Asociación de Músicos ao Vivo tomou a decisión de resituar o calendario dos premios na primeira metade do ano para favorecer a participación d@s músic@s, atendendo aos seguintes criterios:

- Facilitar a inclusión de todos os proxectos musicais creados durante o ano anterior, tendo en conta que entre os proxectos editados unha grande porcentaxe son publicados en torno ás datas de nadal.

- Gañador@s e finalistas terán máis posibilidades de aproveitar o tirón dos premios para conseguir contratacións de cara ao verán.

- Os novos socios de MAV rendibilizarán a súa cota durante un ano enteiro. Un dos obxectivos deste certame é visibilizar o traballo de MAV e conseguir fortalecer a asociación con novos socios que co anterior calendario do certame chegaban en setembro e so aproveitaban a súa cota durante tres meses. Deste xeito, os que decidan asociarse terán todo un ano por diante para utilizar os servizos da asociación.

- Confluír con outros certames sinalados do calendario cultural como os María Casares ou os Mestre Mateo que tamén celebran as súas galas arredor da primavera; e evitar as datas do nadal que están cheas de compromisos culturais, institucionais e persoais.

Nesta terceira edición que comezará a súa andaina o vindeiro día 15 de febreiro, os Premios Martín Códax da Música volverán convocar tamén os Premios Organistrum, que premiarán á Mellor Sala, ao Mellor Festival, e ao Mellor Espazo de Comunicación Musical. En total, os Premios Martín Códax da Música botarán luz sobre 58 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico coma o da música ao vivo.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información