A pesares do cambio de calendario, a convocatoria da III Edición dos Premios Martín Códax da Música, acadou un novo éxito de participación con case 450 inscripcións, superando a anterior edición e confirmando que estes premios continúan a encher un baleiro que era necesario cubrir.
Na primeira edición saldóuse unha débeda histórica coa música galega, e na segunda, onde se consolidou este certame, incorporáronse os Premios Organistrum para recoñecer tamén o labor das salas, festivais e espazos de comunicación. Nesta terceira edición, os 448 proxectos inscritos amosan o indiscutible potencial musical de Galicia e afianzan a MAV como a casa común d@s músic@s galeg@s. Músicas e grupos de todos os estilos veñen a participar desta festa da música galega que, un ano máis, servirá para visibilizar e recoñecer o traballo de toda o entramado da industria musical do noso país.
A categoría de rock volve ser a máis numerosa, con 60 inscritos. Ademais, destaca o despegue da Canción de Autor con 46 participantes, e a boa acollida da Música Vocal con 21 proxectos en competición. Estas dúas categorías foron as incorporacións da 2ª e 3ª edición respectivamente, e veñen a respaldar a decisión de MAV de convocar un amplo número de categorías para darlle visibilidade a proxectos que doutro xeito seguirían sen coñecerse ou quedarían diluídos entre as músicas máis populares. Canto ao resto de categorías, hai 34 inscritos en Pop; 23 en Blues; 24 en Jazz; 11 en Hip Hop; 24 en Clásica; 30 en Folque; 25 en Músicas do Mundo; 22 en Infantil; 16 en Electrónica; 19 en Metal; 13 en Reggae; 10 en Orquestras e Músicas de Verbena; e 14 en Tradicional.
Pero isto é só a punta do iceberg, porque todavía faltan moitos proxectos musicais por saír á luz. En categorías como Tradicional ou Música de Verbena non se acaba de reflictir a inxente cantidade de proxectos que estes estilos teñen en Galicia. O noso desexo, e tamén o noso reto, é que nas vindeiras edicións, estes colectivos se sintan máis atraídos por este certame, que non pretende se non ser o punto de encontro de todos os músicos e de todas as músicas deste país. Así teremos máis forza para, como colectivo, acadar os obxectivos que nos son comúns a todos.