imaxe da nova
Contacto e Tarifas

2nafronteira

imaxe do usuario Xestor Xestor
6 marzo 2016

2nafronteira é un dúo ítalo-galego de compositores e intérpretes: voz, piano e harmonio. O que máis caracteriza a este dúo é a calidade e paixón dos seus directos e unha grande orixinalidade e libertade artística nas súas composicións. Compoñen tamén temas orixinais para voz e harmonio portátil. Temas propios tamén na letra ó lado doutros que musican textos poéticos con delicadeza e respeto para co poema orixinal.

- Definide brevemente a vosa proposta musical

Nós diríamos que é sobre todo ecléctica e aberta a diferentes estilos. Ese é precisamente un dos motivos do noso nome, porque nos consideramos na fronteira da música popular coa culta, destas co jazz, etc. Aínda que nos parece importante para a música que haxa músicos que cultiven estilos puros, a nós gústanos cultivar esta terra de ninguén.

- Faládenos da relación que existe entre o voso traballo "Sons de nós", a revista Nós e as Irmandades da fala.

A maioría das cancións son poemas da revista Nós. E todas elas están ligadas dalgún xeito á revista, porque os seus autores publicaron outros textos nela e están ligados tamén ás Irmandades da Fala. Así, están os poetas da Xeración Nós pero tamén Bouza Brey, Francisca Herrera, F. Luis Bernárdez, Pepe Velo...

- ¿Cales son as vosas influencias musicais?

Hai dúas grandes influencias en nós: a clásica en Maurizio e o Jazz en Carmen. E todo isto mesturado co progressive rock italiano e a tradición musical galega, as músicas do mundo...

- Que significado ten este disco na vosa traxectoria?

Este é o cuarto disco de 2naFronteira. Un disco importante para nós polas colaboracións excelentes doutros músicos, pola libertade creativa e a madurez do dúo. E pola honra que supón porlle música a unha das expresións principais da nosa cultura, a revista Nós.

- Que papel credes que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

A administración ten que concienciarse do valor absolutamente primordial que teñen as artes para a vida dun país e as súas xentes. Por iso o primeiro que debe facer é unha lexislación que garanta a dignidade das persoas que se dedican a elas: ive cultural reducido ó mínimo, contribución a autónomos en función das ganancias (isto para calquera colectivo, en realidade), cachets dignos, fórmulas que garantan tamén un benestar nos períodos de menos traballo e na xubilación...Non inventamos nada con isto, pois hai países onde xa se fai. E logo, por que non, un apoio económico decidido e firme a proxectos que presentan interese e calidade, sexan mediáticos ou non. E unha democratización clara de todas as estructuras que toman as decisións sobre nós. En definitiva, as institucións deberían ocuparse da música do seu territorio, como se fose a mellor praza da súa cidade: sen importar cores políticas, con compromiso e sobre todo con cariño.

- Por que pensades que é necesaria unha asociación como Músicos ao Vivo?

O asociacionismo é importante para calquera colectivo, en especial en épocas duras. Sempre que as asociacións sexan verdadeiramente horizontais e democráticas e que saiban atender ós intereses de todos os seus socios. Se isto é así, unha asociación pode chegar mesmo a presionar para conseguir o que falabamos no punto anterior. O cal non poderá facer nunca un músico só.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información