Músicos ao Vivo apoia o comunicado realizado por Clubtura sobre a entrada de menores nos concertos das salas galegas. Tamén contqa co apoio da plataforma Queremos Entrar.
Reproducimos o comunicado a continuación:
A Asociación Galega de salas privadas de música ao vivo, co apoio da Asociación Músicas ao Vivo e do colectivo Queremos Entrar, emite a seguinte Declaración cara a sociedade galega:
O Dereito ao acesso á Cultura está recollido tanto na Declaración Universal de Dereitos Humanos (art 27) como na Constitución Española (artigo 44).
Ante a difusa e profusa normativa galega sobre a posibilidade de acceso por parte dos minores de idade ás Salas de Concertos a nosa asociación, que inclúe a gran parte das principais salas de concertos das catro provincias galegas, co apoio da principal asociación de músicas e músicos do país, Musicas ao vivo, tomamos a seguinte determinación:
As persoas menores de idade poderán acceder ás nosas salas acompañadas polos seus pai, nai, titor legal ou persoas maiores de idade nas que estas deleguen de forma fehaciente na porta do local. Sempre entregando na porta unha autorización para o acceso e facéndose responsable deles no interior do recinto. No futuro próximo agardamos acadar o acceso de menores de 16 a 18 anos, que xa existe noutras comunidades autónomas, sen estar acompañados por eses adultos e sendo debidamente identificados como menores de cara a evitar que se lle venda alcohol.
Adoptamos esta medida confiando na sensibilidade das diversas administracións local, provincial e autonómica en prol do acceso a cultura nas idades nas que as persoas están a formar os seus gostos e afeccións para o resto das suas vidas.
IMPORTANTE: Recomendamos que se merque algún tipo de tapón ou protección acústica para eses menores que acceden aos concertos, en especial aos máis pequenos.
Esta decisión tomámola tras analizar unha serie de feitos que non poden tomarse como alleos á normativa que se nos aplica. Son os seguintes:
1º Calquera familia pode acceder a bares e restaurantes que rodean as nosas salas, sen ningún tipo de documento, e consumir alcohol en presenza dos seus fillos. As botellas de alcohol están á vista en todos estes establecementos, ainda que eses pais non o consuman.
2º A Xunta de Galicia presentou este ano a Marca Fest Galiciapara potenciar a promoción de diversos festivais galegos que cada vez serán máis. Tras asistir a varios deles e visitar as suas páxinas web, comprobamos como é posible o acceso de menores con pais, nais e titores e neles hai venda de alcohol e forte presenza visual das marcas de bebidas que os patrocinan. Incluso o festival que tivo maior apoio económico por parte dun organismo da Xunta de Galicia, O Son do Camiño, anunciaba na sua web que os menores de 16 a 18 anos podían acceder sen compañía, unha vez autorizados polos seus pais no punto de acceso ao festival e portando unha pulseira que os identificaba como menores.
3º En calquera festa popular de acceso libre en Galicia (e nas celebracións familiares) sempre hai menores que conviven co alcohol sen ningún tipo de restricción máis que non se lles permite o seu consumo, ao igual que nos comprometemos a facer durante a celebración dos concertos e espectáculos que programamos nas nosas salas.
4º Impedir o acceso a un evento cultural a menores o único que pode provocar é que asocien, nas suas mentes en pleno proceso de formación, cultura con actividade perigos.
5º Reproducimos a continuación os dous artigos que citamos ao principio da Constitución Española e da Declaración Universal de Dereitos Humanos:
Artígo 44 da Constitución Española:
“Los poderes públicos promoverán y tutelarán el acceso a la cultura, a la que todos tienen derecho.
Artigo 27 da Declaración Universal de Dereitos Humanos:
“Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade”.