Os PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA volven demostrar o gran momento musical que vive Galicia rexistrando máis de 400 proxectos moi diversos e de enorme calidade. A partir do luns 18 de marzo, as socias e socios de MAV votarán tres finalistas en cada categoría que se coñecerán na Festa de Finalistas o próximo 24 de abril.
En seis anos os PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA convertéronse na mellor ferramenta para tomarlle o pulso á música galega e esta vez, de novo, o corazón musical do país latexa a moi bo ritmo. Nesta sexta edición alcanzouse un novo éxito de participación con cifras moi próximas ás de anos anteriores. En total 441 proxectos inscritos nun certame cuxas bases non permiten presentarse aos proxectos premiados na pasada edición e no que quedaron cubertas todas as categorías, o que demostra, segundo a presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski "o indiscutible potencial e diversidade musical de Galicia e afianza a MAV como a casa común das músicas e músicos galegos."
Ademais das 15 categorías musicais, novamente as salas, festivais e espazos de comunicación musical, cómplices imprescindibles da música, ven tamén recompensado o seu importantísimo labor a través dos Premios Organistrum. Unha realidade que demostra que estes premios son a oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical, e dun sector cun potencial aínda por explotar. A presidenta de Músicas ao Vivo agradece a participación do sector e sinala que os resultados alcanzados "volven converter á web www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento”. Lebedynski asegura que o balance non podía ser máis positivo: 388 proxectos musicais, 11 salas, 27 festivais e 15 espazos de comunicación musical inscritos, e conclúe a súa valoración asegurando que “estes premios transcenden o meramente competitivo: o obxectivo final deste certame é poñer en valor un sector estratéxico e fortalecer o espírito de comunidade, de familia, de riqueza cultural”.
A categoría de rock volve ser a máis numerosa con 53 proxectos inscritos, seguida polas categorías de Pop/ Indie e Autor/a, ambas as con 47 proxectos; boa mostra do excepcional momento que vive Galicia nestes estilos, con propostas de calidade internacional.
En canto ao resto de categorías, Tradicional e Folk tamén é unha das máis representadas con 39 proxectos inscritos, seguida de Músicas do Mundo con 33. En Jazz participaron 24 proxectos e en música infantil con 23, continuando a liña deste sector emerxente dentro da música galega que destaca dentro do panorama estatal con propostas lideradas polos mellores músicos e músicas do país. A categoría de Electrónica vai gañando terreo con 21 proxectos, e o Metal galego mostra a súa forza con 19 inscritos, o mesmo número que a categoría de Música Clásica e Contemporánea. Houbo 18 proxectos en Blues/Funk/Soul; 16 en Regga/Ska/Mestizaxe; 14 en Músicas Urbanas, 8 en Coros e Grupos Vocais; e tan só 7 en orquestras e grupos inscritos na categoría de Músicas de Verbena.
Desde a organización recoñecen que os inscritos son só a punta do iceberg, e que en Galicia faltan moitos proxectos musicais por saír á luz. Admiten tamén que algunhas categorías como Música de Verbena non reflicten a riqueza e a inxente cantidade de agrupacións deste tipo que existen en Galicia; e animan a todos os que formen parte deste tipo de proxectos a participar en próximas edicións.
Os VI Premios Martín Códax da Música darán visibilidade a 3 proxectos finalistas por cada unha das 15 categorías que se convocan. En total, van poñer luz sobre 45 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música en vivo. Ademais concederanse 3 Premios Organistrum á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical; e o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda unha traxectoria, que se fará público a comezos de abril.
Mapa da música galega
Se analizamos os datos por orixe, a provincia con máis proxectos inscritos é Coruña con 214, seguida de Pontevedra con 162 e Ourense e Lugo con 29 e 28 respectivamente. En canto ás cidades, a que que achega máis proxectos musicais nesta sexta edición é Vigo con 72 inscritos, seguida de Santiago con 69 e Coruña con 56. A moita distancia quedan Pontevedra con 19, Ourense con 16, Lugo con 13 e Ferrol con 12. En canto ás localidades máis pequenas, suman proxectos as poboacións próximas ás grandes cidades ou que forman parte dunha área metropolitana como Mos, Moaña, Porriño, Sada, Redondela, Sigüeiro, ou Nigrán, aínda que hai excepcións como O Barco e a zona do Barbanza con proxectos concentrados sobre todo en Ribeira e Boiro.
O proceso de votación
Mediante un proceso de votación online e privado a través dá web www.premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo escollerán entre o 18 de marzo e ou 7 de abril aos 3 proxectos finalistas de cada unha das categorías existentes, que se farán públicos o 24 de abril durante a Festa de Finalistas que se celebrará, como cada ano, nas Adegas Martín Códax, en Cambados.
A continuación, un xurado integrado por músicas/os e profesionais do sector escollerá entre os proxectos proxectos finalistas aos premiados en cada unha das categorías. O xurado tamén fará as súas eleccións a través do sistema de votación online de Músicos ao Vivo. A súa composición será secreta e os nomes dos seus integrantes non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os proxectos premiados coñeceranse o 8 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Para facerse socia/ou de Músicas ao Vivo e poder participar no proceso de votación só é preciso ser música/ou e asociarse en www.musicasaovivo.gal.