imaxe da nova
Actualidade

Carlos Barruso, Premio Honorífico 2019

imaxe do usuario Xestor Xestor
11 abril 2019

A Carlos Barruso non lle quedou máis remedio que ser músico, porque a música vivía con el na casa. Con 5 anos, seu pai, José María Barruso, director da Banda de Música de Peñafiel (Valladolid), adestrouno xunto aos seus tres irmáns na técnica de varios instrumentos. En pouco tempo pasou a ocupar o posto de clarinetista principal na Banda e moi pronto puido gañar a vida como músico.


Chegou a Galicia por traballo, grazas ao boom das orquestras, e aquí quedou. Ampliou os seus estudos no Conservatorio de Vigo e acudiu a varios seminarios de saxofón coas maiores figuras nacionais. Entrou a formar parte do profesorado da Escola de Música Baio de Vigo e desde 1987, na escola de música ESTUDIO, en Santiago de Compostela.


Co octeto Baio Ensemble gravou en Radio Nacional de España o disco ‘Paisajes’ e actuou en Televisión Española nos programas ‘Jazz entre amigos’ e ‘La Buena Música’, e en moitos programas radiofónicos e diversos festivais de Jazz en España e Portugal.


Tocou en múltiples formacións musicais como a S.E.M. Big Band de Santiago -coa que gravou un disco en directo- ou o grupo Canajazz de A Estrada; pero o seu proxecto máis persoal foi o Carlos Barruso Cuarteto. Todo isto compaxinado sempre co seu traballo en varias orquestras de baile nas que fai arranxos, e con incontables colaboracións en discos de grandes artistas.


Nesta VI edición dos Premios da música galega, a Asociación Músicas ao Vivo decidiu outorgarlle o galardón a Carlos Barruso “como resposta inmediata, sincera e unánime de todo o sector, Músicas ao Vivo incluída, ao exemplo vital e profesional que representa. A actitude de Barruso diante da súa enfermidade é para todas e todos nós un referente que queda fixado no seu Concerto Fin de Vida, celebrado o pasado día 22 de marzo no Teatro Principal de A Estrada”. Con este recoñecemento MAV quere rendirlle unha homenaxe especial “a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicos”.


No seu laudatorio, a directiva de MAV considera que “Carlos Barruso é incuestionablemente un Músico con maiúscula! Apaixonado e dedicado en corpo e alma ao seu labor como instrumentista, arranxista, compositor, profesor e director, aportou a Galicia dos anos 80 e 90 unha sonoridade diferente e vangardista. Saxofonista e multiinstrumentista incansable, formou parte de infinidade de proxectos musicais do país, resaltando a súa potente carreira no mundo das orquestras así como no jazz, onde aportou unha visión actual, sendo tamén un dos primeiros mestres da mítica e indispensable escola de jazz e música moderna Estudio, Escola de Música”.


O texto tamén pon de relevo que Barruso foi sempre un traballador “en silencio” que destacou pola súa humildade e discreción, e fixo un inmenso labor pedagóxico na educación musical de Galicia, inspirando e motivando a moitas e moitos dos profesionais do presente. O laudatorio conclúe afirmando que “xeneroso e aberto a calquera reto profesional, Carlos é un dos motores esenciais da nosa banda sonora, e é un verdadeiro pracer aportar dende Músicas Ao Vivo, en representación do mundo da música, o noso profundo agradecemento e respectos pola súa carreira profesional e total entrega á música, elevando e dignificando a nosa profesión”. A directiva da Asociación Músicas ao Vivo entregaralle o galardón no transcurso da gala de entrega dos VI Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información