imaxe da nova
Asociación

Finalistas Premios Martín Códax da Música 2019

imaxe do usuario Xestor Xestor
25 abril 2019

A Asociación Músicas ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 6ª edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA nun acto que se celebrou, como cada ano, nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados coa presenza da presidenta de MÚSICAS AO VIVO (MAV), Sonia Lebedynski; o director da Axencia das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; a concelleira da cidade de Pontevedra, Carmen Fouces e o presidente das Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue.

Entre os proxectos finalistas, traxectorias consolidadas como a de Bala, Nao ou Marcos Teira; pero sobre todo moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano optan aosgalardóns da nosa música. Nesta edición destaca a relevancia dos proxectos de electrónica con propostas moi aclamadas fóra de Galicia como Baiuca e Músculo. Tamén se pon de relevo a presenza feminina na categoría de Canción de Autor/a con MJ Pérez, A Banda da Loba e Su Garrido Pombo. Dentro dos Pemios Organistrum -que recoñecen o labor da industria musical galega- é moi chamativa a escolla de festivais de pequeno formato con propostas singulares; o recoñecemento a espazos de longa andadura na radio pública como o Diario Cultural e Lume na Palleira; e a presenza da sala viguesa El Contrabajo Club que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, despois de ter programado máis de 900 concertos.

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de MÚSICAS AO VIVO mediante votación online entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical. 

Agora será un xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías. Este xurado, que taménfará as súas escollas a través do sistema de votación online da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, será secreto e os nomes das persoas que o integran non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os proxectos premiados coñeceranse o 8 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este é o listado dos 54 proxectos nomeados que optarán a recibir algún galardón na gala dos VI Premios MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA:

CATEGORÍAS MUSICAIS

POP/INDIE: Oh Ayatollah! / Espiño / Igloo

ROCK: Bala / Familia Caamagno / Mad Martin Trio

MÚSICAS URBANAS: Ezetaerre/ Rebeliom do Inframundo - Ilegal / Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA: Adrián Saavedra / Son Trío / Tangata & Orquestra Clásica de Vigo

MÚSICA TRADICIONAL GALEGA E FOLQUE: Tanxugueiras / Os d’Abaixo / Habelas Hainas

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira ‘Nós’/Oîma /Turma Caipira

MÚSICA INFANTIL: Xoan Curiel e a Banda do Verán / Concerto Punkinfantil /Olga Brañas

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca / Cintaadhesiva /Músculo

METAL Raiba /Nao /Cabodano

REGGAE/SKA/MESTIZAXE García Mc & Nación Quilombo /Banda Crebinsky /The Turre’s Band

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Los Satélites/ América de Vigo / Timparrantela

BLUES/FUNK/SOUL: Carmen Rey /Vudú /Carla Green & The Demons

CANCIÓN DE AUTOR A Banda da Loba/MJ Pérez /Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Zoelas /Sisters in the House /Ejazz

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS: Xacobe Martínez Antelo Trío / Xosé Miguelez – Ontology /Pablo Castaño Quartet Quartet feat. Ugia Pedreira

 

PREMIOS ORGANISTRUM

FESTIVAIS: Nigranjazz / Festival de Pardiñas / Jazz de Ría

SALAS A Arca da Noe / Sala Mardi Gras/El Contrabajo Club

ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL: Diario Cultural-RG / Músicas Galegas Ilustradas / Lume na Palleira-RG

 

Ao remate do acto, o presidente das Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue, destacou que "é unha honra dar o noso nome a estes premios que se consolidan nesta 6ª edición e que se convertenna gran festa da música galega e na oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical". Allegue valorou a implicación das bodegas nestes premios como “unha aposta na que debemos estar unidas as empresas privadas e as administración públicas, comprometidas na difusión e fomento da nosa cultura”.

A presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski, agradeceu“a implicación das músicas e músicos galegos unha vez máis nesta edición na que logramo sreunir a 442 proxectos o que demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común das músicas e músicos galegos”. A voceira de MAV asegurou que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resaltou “o esforzo da nova directiva por tratar de lograr uns premios onde todo o mundo se sinta representado” e “o traballo por favorecer a visibilidade da música galega en cada unha das súas formulas tan diversas”.

Ao encontro asistiu tamén o director da Agadic, JacoboSutil, que felicitou a todos os finalistas e reiterou o apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa da Asociación Músicas ao Vivo, “por canto supón de incentive para o exercicio musical e de visibilidade para o conxunto do sector”. A Deputación de Pontevedra, a través do seu delegado de Cultura, Xosé Leal, manifestou que “neste Ano da Música, a Deputación quere poñer o foco na visibilización do talento musical que atesoura o noso país, e que vai na liña da visibilización que tamén se fai desde este certame”. Pola súa parte, o Concello de Pontevedra, representado pola súa concelleira de Cultura, Carmen Fouces, aproveitou a ocasión para manifestar a súa gran satisfacción por ser anfitrión/as da gala de entrega de premios que se celebrará o mércores 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, “onde vos agardamos para acompañar a todos os proxectos finalistas e seguir rendéndolle o recoñecemento que a música ao vivo galega merece”.

Na gala, ademais dos 18 proxectos premiados que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o Premio Honorífico Músicas Ao Vivo ao músico Carlos Barruso, en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos”.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información