Onte rematou o prazo para validar as votacións do xurado escollido pola xunta directiva de MÚSICAS AO VIVO para decidir que proxectos musicais serán merecedores este ano dos premios que se van entregar o próximo mércores 8 de maio na VI Gala dos Premios Martín Códax da Música que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Este xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, foi o encargado de decidir os proxectos premiados en cada unha das categorías, de entre os 54 finalistas previamente votados polas socias e socios de MÚSICAS AO VIVO.
Co obxectivo de velar pola lexitimidade e coherencia da convocatoria, a composición do xurado foi secreta durante o proceso de votación, mesmo para os propios integrantes do xurado. Fixeron as súas votacións a través da web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.gal. Seguindo estas indicacións a ASOCIACIÓN MÚSICAS AO VIVO designou ao seguinte xurado:
RAMÓN BERMEJO. Profesor de canto moderno e técnica vocal. Fundador e director do Coro da Ra.
ROSA SALGADO. Responsable de produción e management en Miraxe S. Coop. Socia de APTA e MIM.
TERELA GRADÍN. Cantante e compositora de jazz con 4 discos publicados, traballa agora desde Navarra.
PILOCHA. Cantora, cantora, cantora, dende o berce ata agora.
NAJLA SHAMI. Música, cantora, compositora e profesora de técnica vocal.
TITO LESENDE. Xornalista musical. Colabora con Radio Galega, Efe Eme, Icon-El País e TVG.
MIGUEL DE LA CIERVA. Músico afeccionado, técnico de son e promotor de concertos na sala O Náutico de San Vicente.
Os nomes do proxectos escollidos por este xurado coñeceranse na gala que se celebrará o próximo mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra e que anuncia un percorrido pola historia de música galega, unha música filla de múltiples mestizaxes, dende os trobeiros medievais á musica viral dos nosos días, pasando pola muiñeira, o valse e o rock and roll. Música con influencias árabes, atlánticas, caribeñas e europeas que recreará o septeto dirixido por Pablo Castaño, baixo a luminosa sombra do jazz e contando coas colaboracións especiais de Mónica de Nut e Sergio Tannus”. Na parte argumental, esta viaxe pola historia musical galega, nunca antes contada, será guiada polo corrosivo dúo poético-musical AldaoLado baixo a dirección artística de Quico Cadaval, sobre un espazo escénico que estará presidido por unha peza da artista Ana Seoane representando o noso mestizo ADN musical.
A gala deste ano, ademais de ser a gran festa da música galega vai ser un acto onde se reivindiquen as demandas do sector. Neste sentido, a directiva de MAV incidirá sobre as últimas novidades lexislativas estatais e autonomicas que afectan directamente ao traballo das músicas e músicos, a necesidade dunha maior presenza da muller na asociación e nos premios, a constitución dunha cooperativa 100% galega, a necesidade dunha aposta de apoio clara e plural por parte dos medios de comunicación públicos e a importancia de promover unha educación musical de calidade.
A gala será retransmitida en directo vía streaming a través da web dos premios e da web da CRTVG (mércores 8 de maio a partir das 21:00h) e en diferido o sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2 e o domingo 12 de maio na TVG despois de media noite.