imaxe da nova
Asociación

Comunicado de MAV en resposta ás declaracións do Director Xeral da CRTVG

imaxe do usuario Xestor Xestor
23 maio 2019

Dende a asociación Músicas ao Vivo, vémonos na obriga de pronunciarnos ante a perplexidade e a incredulidade provocada polas declaracións que o Director Xeral da CRTVG, Don Alfonso Sánchez Izquierdo, fixo no día de onte:

 

"...falo deste tema en concreto porque non me preguntaron por el e cremos que se chegou ao límite da mentira arredor da CRTVG. E que marca ese límite? Pois o límite marcouno o feito de que dúas traballadoras, mulleres as dúas, e de extraordinario currículum académico e profesional foron nomeadas e humilladas en público dende un escenario na entrega dos premios da música e o caldo de cultivo para que eso sucedera estivo alimentado nos presuntos vetos que lle acabo de relatar. Saben que ata o de agora soportamos todos os comentarios e non polemizamos, aínda sabendo todo o que hai detrás.

Pero non imos consentir que máis mentiras deriven en agresións, polo de agora verbais, contra traballadores, neste caso traballadoras, da CRTVG. Supoño que nesta cámara non se xustificará este trato, seguro que non, cara dúas profesionais. Xa que como sempre se di, aquí se defende a todos os traballadores da CRTVG e non só a uns poucos. E supoño que rexeitarán tamén que nin a organización do evento ou os seus patrocinadores comerciais se dirixiran a ningunha destas profesionais para aclarar o sucedido e pedir disculpas. E quero supoñer que se condenará a quen exibiu coma un trofeo de caza a humillación destas dúas profesionais facéndose eco dela coma un exemplo a seguir. Non sei se o farán. A CRTVG si ten que facelo porque ata aquí chegamos.

Chegamos á agresión verbal. Espallar falacias sobre os traballadores da CRTVG ten as súas consecuencias, señoría, e o responsable será quen as invente e quen se faga eco, e con maior grao de de responsabilidade será para quen as espalla a sabendas de que son falsas. Agardo que sexa a última vez que teñamos que falar de algo parecido nesta cámara."

 

Como resposta e estas palabras e á alusión directa a feitos acontecidos na gala dos Premios Martín Códax da Música que nós organizamos, temos que dicir categoricamente que EN NINGÚN MOMENTO se produciron tales agresións verbais cara as traballadoras da CRTVG que actuaron de representantes do ente público. Se ao que se refire o Sr. Sánchez Izquierdo é ás declaracións feitas por algún dos premiados no momento de recoller o melómano ou ás palabras pronunciadas por esta directiva reclamando uns medios públicos de calidade, debemos dicir que ao que algúns chaman “agresións”, nós chamámoslle LIBERDADE DE EXPRESIÓN. A mesma liberdade coa que as traballadoras da CRTVG ás que se cita (Tania Lombao, xefa de programas da Radio Galega, e María Solar, coordinadora de cultura da CRTVG) pasaron a recoller o premio obtido para o programa Diario Cultural e puideron pronunciar os seus discursos, que foron ademais os máis longos da gala, con total normalidade.

Afirma o señor Sánchez Izquierdo que non nos diriximos a ningunha das dúas profesionais para pedir desculpas. Señor Sánchez Izquierdo, non podemos pedir desculpas por algo que non pasou e que, ademais, en ningún caso nos foi comunicado fóra das súas declaracións. Se estas dúas traballadoras consideran que tiveron algún tipo de problema ese día, rogamos que se poñan en contacto con nós e nolo fagan saber, porque desde logo alí, no transcurso da gala que todas e todos vivimos con ilusión esa noite, non houbo tal humillación pública.

Aproveitamos a ocasión das súas desafortunadas declaracións para pronunciarnos publicamente arredor dunha cuestión que nos produciu un gran malestar no transcurso da elección dos proxectos premiados na categoría de “Mellor espazo de comunicación” desta edición. Trátase do modo de actuar que tivo a CRTVG á hora de presentar os seus programas aos premios, facéndoo directamente desde os postos de mando e sen comunicárllelo previamente os/as traballadores/as dos programas, que son os/as que fan posible que estes saian tódolos días en antena. Temos constancia ademais, de que estes traballadores e traballadoras foron descoñecedores/as deste recoñecemento ata que se anunciaron os proxectos finalistas publicamente, chegándolles a información a través da nota de prensa enviada pola nosa asociación a tódolos medios de comunicación, e negándoselles polo tanto a posibilidade de acudir en representación destes espazos nos que deixan a pel cada día, á festa de finalistas celebrada nas bodegas Martín Códax. Outro exemplo máis de transparencia e boas prácticas dentro do ente público. Non sabemos que terá que dicir o señor Sánchez Izquierdo a isto.

Dende MAV defenderemos sempre a liberdade de expresión e de opinión e seguiremos a manifestar publicamente, como tamén fixo esta directiva o día da gala, que queremos uns medios públicos dignos e de calidade, que sexan a ventá ao mundo de todo o traballo cultural, rico e diverso, do que Galicia goza neste momento. Os medios públicos, son de todos e todas, son medios pagados e respaldados por toda a poboación, e polo tanto, deben dar cobertura e visibilidade ao que sucede e ao que se fai neste país. A aparición dos proxectos galegos nos espazos da CRTVG non é un favor de vostedes cara nós, é un dereito. Por isto, non intenten vender o “non-veto” cara os artistas coma unha heroicidade, é simplemente o que teñen que facer. A súa obriga .

Por suposto posicionámonos xunto as traballadoras e traballadores da CRTVG que cada semana, venres a venres, loitan para conseguir uns medios obxectivos e de calidade, fuxindo de intereses individualistas ou políticos, e rexeitamos contundentemente as ameazas ás que son constantemente sometidos e sometidas por parte da dirección do ente público.

ESTA DIRECTIVA DEFENDE A GALEGA

E, xa para finalizar, solicitámoslle públicamente unha reunión ao señor Sánchez Izquierdo para poder falar cara a cara deste asunto que tanto lle preocupa e que nós, gustosamente, lle aclararemos. Agardamos que nos reciba pronto.

 

Incluímos o vídeo completo da gala e indicamos as minutaxes dos momentos nos que se falou da CRTVG no transcurso da mesma. Non hai mellor maneira de rebater as declaracións do señor Sánchez Izquierdo que vendo directamente o que pasou. 

Ligazón ao vídeo completo da gala: https://www.youtube.com/watch?v=CY0qCemDT9A


Intervencións nas que se falou da CRTVG:

35:20 Toni Lomba

42:35 Nao

1:35:20  Momento no que se recolle o premio ao “Diario Cultural”

1:43:15 Alusión no discurso da directiva


A Xunta Directiva

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información