MAV quere expresar a súa profunda preocupación sobre a pobre relación en Vigo entre as institucións públicas e a escena musical da cidade. A cancelación polo Concello de xeito unilateral e sen explicacións do Imaxina Sons, festival asentado e de gran calado no panorama do jazz galego e europeo; o desprezo explícito da alcaldía de cara aos grupos musicais da cidade, os cales están integrados por músicos/as aos cales tamén a alcaldía representa ou o peche dalgúns locais de ensaio son só os exemplos máis flagrantes desta precaria relación entre o Concello e a música da súa propia cidade.
Desde MAV queremos denunciar esta situación que xa vai sendo crónica, e urxir a revertila de xeito inmediato. Fai falta unha nova vontade de atender ao colectivo de músicos/as, e por iso animamos a que Alcaldía se reúna urxentemente cos músicos/as da cidade para recibir explicación das políticas culturais que levaron a estas decisións unilaterais e para artellar entre todos e todas as estratexias culturais que volvan poñer a música feita en Vigo no lugar que lle corresponde. Animamos tamén a todos e todas os músicos/as da cidade a reunirse canto antes e promover o asociacionismo musical do sector na cidade e a súa contorna.
Desde MAV procuraremos estar tamén nesa reunión, escoitando e propoñendo a creación dunha Sección-Sur de Músicas ao Vivo que se sumarían á Sección Compostela e á Sección A Coruña.
Vigo sempre foi exemplo de talento e diversidade musical para toda Galicia. Esiximos que todo ese potencial sexa promovido a apoiado desde o público de xeito claro para converter a música nun valor visible, cultural e económico, para toda Galicia e fóra dela, así como para mellorar especialmente as condicións laborais dos artistas.