A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións da Xunta para promover o talento musical galego no ámbito da produción fonográfica. Segundo establecen as súas bases, a dotación destas axudas é de 120.000 euros, que se destinarán a proxectos de edición discográfica ou videográfica para o lanzamento ou a consolidación de novos artistas.
Agadic encárgase da xestión deste programa de apoio co obxectivo de favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais, de xeito que se impulse a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.
Poderán solicitar estas axudas aquelas empresas de produción fonográfica con actividade en Galicia que presenten proxectos de artistas que non teñan editado un primeiro álbum ou 10 singles/vídeosingles (modalidade A) ou daqueles que xa conten con este tipo de produtos no mercado, neste caso establecendo como límite catro álbums ou 40 singles/videosingles (modalidade B).
O prazo estará aberto desde o 28 de setembro ata o 28 de outubro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
As contías recibidas –un máximo de 2.000 euros para cada un dos 10 proxectos da modalidade A e de 10.000 euros para os da B– deberán destinarse a propostas de deseño, produción e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips), que deberan conter maioritariamente obras de autoría galega ou interpretadas por músicos galegos.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuran a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, a utilización da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.