imaxe da nova
Asociación

Comunicado MAV sobre, recortes, Xacobeo e turistificación da cultura

imaxe do usuario Xestor Xestor
26 novembro 2019

MAV quere expresar o seu rexeitamento aos graves recortes orzamentarios que semella van sufrir a partir do ano que vén o teatro e a danza institucional en Galicia (40% e 60% menos, respectivamente), por parte da Consellería de Cultura a través da súa  achega económica anual ao AGADIC, que anualmente revirte nas súas unidades de produción teatral (CDG) e  danza (CCG).

Non podemos considerar tampouco transparente que eses aportes orzamentarios vaian vir agora, supostamente, “ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021”, segundo declaracións da propia AGADIC,  xa que “nos orzamentos da Axencia de Turismo para 2020 existe efectivamente  unha partida de máis de dez millóns de euros para todo Xacobeo 2021, mais sen desglosar, polo que resulta imposible saber cal vai ser o diñeiro destinado”, nin ás unidades de produción de teatro ou danza, nin tampouco coñecer os cartos que serán destinados aos proxectos musicais de Galicia.

Pola contra, o agravio é flagrante se o comparamos coa suba que recibirá da Xunta de Galicia a Cidade da Cultura, que cun millón máis para o ano que vén, chega xa aos 15.803.000 euros anuais. Uns fondos que superan nun millón os deste ano o e que supoñen catro millóns máis do que en 2018.  Calquera outra cifra da Consellería de Cultura aportada a calquera disciplina ou sector da cultura, incluída aos creadores e creadoras musicais, queda a bastante distancia desta aportación pública ao Gaiás.¹

Semella que a Xunta prefire apostar por unha cultura ao servizo do turismo sen construír primeiro unhas políticas culturais claras que defendan a cultura e creación do país. Un modelo de turismo que non ten en conta a cultura viva e profesional do país, que é a que artella de verdade unha oferta con valor significativo para crear un modelo de turismo cultural real. Semella preferible desmantelar a cultura e artellala ao redor do turismo de masas. Unha “cultura do entretemento”, baleira e sen escoitar ás asociacións profesionais do sector. Unha aposta alonxada dun verdadeiro turismo cultural que poida ser unha grande oportunidade para o sector nos próximos anos xacobeos, artellado desde un discurso propio e desde un sector creativo e produtivo que puidese saír fortalecido.

Polo tanto, desde MAV apoiamos integramente o comunicado feito pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)², e mais o comunicado da Academia Galega de Teatro³, na denuncia da opacidade na toma de decisións culturais e na desproporción desta rebaixa ou trasvase orzamentario.

Desde MAV pedimos tamén firmemente a clarificación destes supostos recortes, así como pedimos que os cambios anunciados pero aínda non detallados na estrutura da AGADIC, xunto cos orzamentos de turismo e as estratexias en políticas culturais de cara o Xacobeo, sexan previamente consensuadas cos axentes do sector, incluído o sector musical na súa parte creadora e intérprete, dun xeito transparente e leal tamén con todas as demais asociacións do sector cultural.

 

¹ "As contas da cultura 2020 (I)" - http://culturagalega.gal/

² Comunicado Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

³ Comunicado Academia Galega de Teatro

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro