imaxe da nova
Asociación

“ConfinArte con Cultura”, o modelo errado

imaxe do usuario Xestor Xestor
27 abril 2020

Nesta situación de urxencia sanitaria que estamos sufrindo sabemos que o mundo da cultura foi o primeiro en parar e será o último en volver á normalidade. 
É necesario reflexionar sobre o estado do sector cultural, antes e durante a crise, pero tamén replantexarnos as medidas que terán que vir tras a mesma e ter en conta tamén a situación histórica dos traballadores da cultura.

Dende hai tempo, asistimos a reconversión da cultura musical nun  producto meramente turístico e/ou propagandístico, sen reparar en coidar a cultura propia, nin en garantir o acceso á cultura. Precisamos un novo modelo de sostenibilidade, de redistribución e recolocación dos recursos culturais, con protagonismo cidadán e da cultura local e de base. A cultura é moito máis que un ben de consumo.

Tamén falamos e asimilamos o termo “Industria Cultural”, caracterizada por unha atomización empresarial e precarización laboral que lindan ás veces coa autoexplotación. Isto define claramente a fraxilidade do sector na vertente laboral.
Temos que ser conscientes de que os recursos deben chegar a todas as partes da cadea de valor, isto é, aos artistas, músicos e músicas, técnicos…

Hoxe máis que nunca é preciso que as administracións públicas de todo ámbito sexan sensibles coa cultura, redefinan as prioridades e boten unha man na medida das súas posibilidades.

Estas últimas semanas estamos vendo diferentes conxuntos de medidas en diferentes territorios. Comunidades como Cataluña e Euskadi xa presentaron medidas para o sector cultural (con partidas económicas comprometidas). Mentres, en Galicia, tras máis dun mes de conversas e propostas conxuntas consensuadas por parte de colectivos do sector, aínda seguimos sen medidas concretas por parte da administración galega.
Tamén asistimos a compromisos dalgunhas entidades locais para fortalecer o tecido máis cercano  e non recortar no orzamento cultural, sendo conscientes da difícil situación que se nos vén enriba.

Pero tamén asistimos a medidas por parte dalgunha administración que dan mostra do escaso apego á cultura local de base. 
O caso do Concello de Vigo destes últimos días é paradigmático dun modelo que ningunea a cultura de base da cidade. 
Baixo o nome de  ConfinArte con Cultura, ábrese unha plataforma para visibilizar propostas culturais locais, dirixida a artistas “profesionais” pero onde non se remunera o traballo profesional de artistas na situación de emerxencia na que se atopa a comunidade cultural. Unha plataforma, por certo, cun custo de desenvolvemento de máis de 8.000€.
De novo o concello de Vigo volve a tratar aos artistas locais como meros entretedores para o confinamento, como se os músicos e músicas da cidade non comeran ou non tivesen que pagar recibos. As boas prácticas deste concello para coa cultura son inexistentes.
Isto non é de agora; o alcalde vén deixando momentos que poñen de manifesto o seu compromiso coa cultura local. Recordemos os comentarios sobre que a súa participación a modo de “showman” nos concertos de Castrelos, sen participación de grupos locais, saía máis barata.
Resulta curioso que Vigo é a segunda peor cidade de España en canto a calidade  e innovación cultural entre as poboacións que analizou o Observatorio de la Cultura.
Necesítase unha xestión profesionalizada, coordinada e despolitizada da cultura na cidade de Vigo, que aposte por un modelo alonxado de actividades grandilocuentes e espasmódicas que apostan pola cultura foránea como espectáculo.

Preocupante é que o propio alcalde sexa nestes momentos o presidente da FEMP, entidade que está en contacto directo co Goberno do Estado para adoptar conxuntamente medidas para a reconstrución social e económica do estado. Se este é o modelo que nos espera, mal imos.

É o momento para estar unidos e unidas, reflexionar sobre o modelo que queremos e apoiar á cultura de proximidade. As administracións deben tamén cambiar o seu modelo, apoiar aos sectores afectados e non aproveitarse do seu traballo para encher contidos. Deixemos de lado a visión meramente de entretemento e os preceptos propagandísticos.
Os traballadores e traballadoras do sector cultural non se merecen este trato.
 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro