A Xunta de Galicia e Clubtura poñen en marcha Directos Xacobeo’21 en Salas, un proxecto incluído no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico, que ten como obxectivo estimular a recuperación da actividade dos profesionais da música en vivo e das salas galegas de concertos fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Directos Xacobeo’21 en Salas, é unha rede de concertos nas salas galegas profesionais, protagonizados por bandas galegas.
Os concertos Directos Xacobeo’21 en Salas terán lugar entre xullo e outubro de 2020 e a convocatoria para a inclusión de grupos, estará aberta ata o 22 de xuño.
Desta volta, ao tratarse dun convenio directo de Agadic con Clubtura, a inscrición non se fará a través de Galescena, senón dunha web específica do proxecto.
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
- Ficha de solicitude cuberta.
- Fotografías do proxecto.
- Biografía do proxecto artístico en formato word ou similar.
- Declaración responsable de atoparse en situación legal de poder realizar concertos en condicións de legalidade.
(Todos os artistas participantes deberán contar coa súa alta na seguridade social, que deberán presentar á sala acolledora 48 horas antes da celebración do concerto. Se os artistas son autónomos, deberán presentar a alta de autónomo e o último recibo abonado. Se son traballadores por conta allea, deberán presentar a alta na seguridade social pertinente)
Haberá uns cachés mínimos (como os da RGMV) e máximos e cada proxecto poderá optar como máximo a 2 concertos.
Todos os concertos serán gravados por un equipo profesional, en formato multicámara, e editados engadindo printers informativos. Os artistas participantes comprométense a permitir e facilitar esta gravación, que será titularidade de Clubtura como empresa contratante do servizo, pero cuxos dereitos de son serán íntegramente dos artistas participantes. Os artistas poderán dispoñer da devandita gravación a todos os efectos, con permiso de distribución e emprego en todos os canais e fórmulas que desexen, asumindo a responsabilidade legal correspondente no momento de facelo.
Web / Inscrición artistas